A USC convoca 27 bolsas de iniciación á investigación no Campus Terra para alumnado de grao e mestrado
A USC oferta, a través convenio de colaboración coa Consellería de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades polo que se regula o campus de especialización Campus Terra, oferta 27 bolsas de iniciación á investigación. O obxecto desta nova convocatoria, que eleva a un total de 68 o número de bolsas para I+D vencelladas ao Campus Terra, é fomentar a iniciación a investigación a estudantes que estean a realizar estudos correspondentes ao último curso dos graos que se imparten nos centros da sede universitaria luguesa adheridos ao Campus Terra ou ben que no presente ano académico (2023-24) cursen un mestrado cuxa investigación garde relación con algún dos eixos de especialización do Campus Terra: Produción vexetal e agricultura sostible, produción e saúde animal sostibles, alimentación segura e saudable, xestión forestal sostible, novas tecnoloxías: TICs, ómicas…, cambio climático, biodiversidade e infraestruturas verdes, One Health ou historia e cultura no mundo rural.
A delegada do reitor da USC para o Campus Terra, Elvira López Mosquera, salientou asemade, que outra das pretensións deste programa de bolsas, no que se contempla a concesión de tres axudas por cada una das liñas ou áreas de especialización, é o favorecer novas vocacións científicas entre o alumnado universitario, ademais de propiciar canles acaída para que o estudantado se inicie en tarefas de I+D.
As novas axudas ofertadas, cuxa contía máxima ascende a 2.576 euros brutos, permitirán ás persoas beneficiarias comezar a súa carreira investigadora en ámbitos temáticos ligados cos estudos de grao ou mestrado que están a cursar, ao tempo que facilitará a súa futura orientación profesional ou científica no marco de proxectos vinculados con grupos de investigación ou investigadores do Campus Terra da USC.
O grao de satisfacción percibido entre as máis de 40 persoas que xa gozaron ou aínda se están a beneficiar das bolsas de I+D do Campus Terra é moi elevado, segundo se desprende das enquisas de valoración realizadas a este colectivo de persoal investigador novel, que puntúa esta primeira experiencia investigadora cunha cualificación media de 4,64 puntos dun máximo de 5. Asemade, outro dos datos salientados por López Mosquera está relacionado co reforzo ou fortalecemento das vocacións científicas, como o proba o feito de que o 93% das persoas beneficiarias das bolsas de investigación promovidas ao abeiro do Campus Terra teñen interese por continuar e/ou desenvolver a súa carreira científica na sede universitaria luguesa.
A duración das bolsas ofertadas nesta nova convocatoria será de 4 meses, do mesmo xeito que a edición anterior, e as persoas beneficiarias percibirán o importe íntegro da achega, nun pago único ao comezo da súa experiencia científica. As persoas que opten a gozar destas axudas deben presentar na súa solicitude un proxecto de investigación asociado ou relacionado con calquera dos eixos de especialización do Campus Terra da USC.
O prazo de presentación de solicitudes permanece aberto ata o 23 de febreiro de 2024 e as persoas interesadas deberán dirixir as súas respectivas candidaturas a Área de Xestión da Investigación, a través da sede electrónica da USC. As persoas solicitantes recibirán logo, a través de correo electrónico, as instrucións sobre como achegar a documentación que se indica nas bases da convocatoria, que xa están accesibles no taboleiro electrónico da USC.