A USC convoca 78 bolsas para realizar prácticas profesionais remuneradas en empresas e institucións europeas

A Universidade de Santiago de Compostela convoca 78 bolsas de prácticas profesionais remuneradas en empresas e institucións europeas a través do Europracticum VII. Este proxecto orientado a facilitar a inserción no mercado laboral de titulados na USC, está promovido pola Vicerreitoría de Coordinación e Planificación do campus de Lugo en colaboración co Consello Social e a Asociación de Antigos Alumnos e Amigos da USC e enmárcase dentro do Programa Leonardo da Vinci da Unión Europea.
O vicerreitor de Coordinación e Planificación do campus de Lugo, Pedro García Herradón, presentou este martes os detalles desta nova convocatoria dun programa aberto á participación daquelas persoas que acadaran a súa titulación universitaria desde xaneiro de 2007 ata setembro de 2013, ambos incluídos. O secretario do Consello Social da USC, Benigno Carril; a vogal da Asociación de Antigos Alumnos e Amigos da USC, Julia Melgar, e a técnico da Área de Orientación e Inserción Laboral do campus de Lugo, Gloria Cruz, tamén participaron na presentación do Europracticum VII. As persoas interesadas en obter unha das bolsas convocadas a través desta nova convocatoria do Europracticum poderán facer a súa inscrición ata o 31 de outubro na web http://www.usc.es/gl/goberno/csocial/europracticum/titulados/formulario.html. Unha das novidades da sétima edición deste programa de mobilidade laboral para titulados universitarios, un proxecto cualificado con 8,2 sobre 10 puntos pola Axencia Nacional Leonardo en canto a criterios de calidade, é que está aberto á participación de egresados/as doutras universidades que teñan completado un máster oficial na Universidade de Santiago de Compostela no período de referencia (2007-2013). As persoas candidatas a participar como bolseiros nesta sétima edición do Europracticum non poden ter máis dun ano de experiencia laboral relacionada coa súa titulación, ao tempo que deberán coñecer un idioma do país de destino. As persoas que xa gozaran doutra bolsa do Programa Leonardo da Vinci tamén quedarán excluídas desta convocatoria. O período de duración das estadías de prácticas profesionais remuneradas ofertadas a través do Europracticum VII prolóngase durante 24 semanas. A achega económica das bolsas destínase a sufragar os gastos de viaxe, aloxamento e manutención, mentres que a súa contía varía en función do destino. Así, a dotación das bolsas vai desde os 2.716 euros no caso de Turquía ata os 4.888 para os beneficiarios/as que completen as estadías laborais en Noruega. As prácticas ofertadas nesta convocatoria poderán desenvolverse en máis de 400 empresas e organizacións europeas e universidades emprazadas en calquera dos 27 estados membros da Unión Europea, así como nos países que xa teñen solicitada a súa adhesión (Croacia, Turquía, Islandia e a antiga república iugoslava de Macedonia). Estas estadías enténdense como complemento de formación, polo que o cometido a realizar polo bolseiro estará ligado coa súa titulación. O obxectivo primordial que pretende o Europracticum é que os titulados universitarios beneficiarios deste programa de mobilidade laboral por europea adquiran novas competencias, coñecementos e cualificacións para mellorar o seu desenvolvemento persoal e profesional. A aprendizaxe de linguas estranxeiras e a mellora da cooperación entre o tecido empresarial e os centros de educación tamén figura entre os cometidos dun proxecto que botou a andar na USC no ano 2001. O éxito deste programa radica tanto no elevado nivel de inserción laboral que acadan os bolseiros, xa que un 40% dos beneficiarios do Europracticum reciben logo unha oferta laboral da empresa e/ou institución na que completaron as prácticas, como na calidade e relevancia dos destinos ofertados. Nesta sétima edición do Europracticum participan como socios de acollida empresas e/ou institucións de máxima relevancia, como son British Museum, Tate Gallery, Entel UK, National Oceanographic Southampton, Oxfam Internacional, no caso do Reino Unido; Augas e Parque Biolóxico de Gaia, Fundaçao Calouste Goulbequian e Jardim Botanico de Ajuda, en Portugal; Unilever en Holanda ou o Trinity College en Irlanda. Euroécole e FF Solar enerxías renovables, en Francia, Fricke und Mallah Microwave Technology e Nal von Minden, de Alemaña, son outras das compañías que recibirán bolseiros do Europracticum VII. Proceso de selección Unha vez que as persoas interesadas formalicen a súa pertinente inscrición nesta nova convocatoria do Europracticum, os/as candidatos/as deberán realizar unha proba de idioma a escoller entre inglés, italiano, alemán, francés e portugués. As persoas que presenten a certificación oficial acreditativa do coñecemento do idioma estranxeiro quedarán exentas desta proba. Un curso de habilidades sociais e técnicas empresariais e unha entrevista persoal poñen fin ao proceso de selección.