Ir o contido principal

A USC convoca unha liña de axudas dirixidas ao alumnado para organizar encontros estatais de sectoriais de estudantes

O prazo para presentar as propostas está xa aberto e discorrerá ata o 15 de outubro de 2024. Foto: Santi Alvite
O prazo para presentar as propostas está xa aberto e discorrerá ata o 15 de outubro de 2024. Foto: Santi Alvite
Coa iniciativa preténdese fomentar a autonomía do estudantado na organización deste tipo de eventos

A Vicerreitoría de Estudantes e Cultura e o Consello Social veñen de abrir unha liña de axudas para que o estudantado da USC organice encontros estatais de sectoriais das súas titulacións ou ramas de coñecemento na USC. O prazo para presentar as propostas está xa aberto e discorrerá ata o 15 de outubro de 2024 ou ata que se esgote a totalidade do crédito orzamentario.

Con esta nova liña de axudas, establecida en réxime de concorrencia non competitiva, a Universidade de Santiago pretende implicar o seu alumnado en dinámicas de organización de actividades nas que compartir inquedanzas propias das súas titulacións á vez que promover a súa autonomía na organización deste tipo de eventos. Así mesmo, servirán de promoción da Universidade compostelá como punto de encontro do estudantado de todo o Estado en determinadas áreas de coñecemento.

Os encontros estatais de sectoriais de estudantes aos que se refire a convocatoria son todas reunións con periodicidade bienal, anual ou semestral que organicen as asociacións de ámbito estatal que agrupan a representación de estudantes dunha área de coñecemento concreta.

A contía da axuda asignarase en función do número estimado de participantes no encontro. De ser inferior a 100, a cantidade máxima da axuda será de 1.000 euros; e cando a participación sexa igual ou superior a 100, a contía máxima da axuda poderá ser de 1.500 euros.

Poderá presentar a solicitude o/a estudante de grao ou posgrao da USC que sexa nomeado pola sectorial como o/a seu/súa representante para organizar o evento, que deberá executarse antes do 15 de novembro deste ano. Será requisito que a persoa representante sexa membro da sectorial e que esta teña aceptado á Universidade de Santiago como sede para a súa reunión nacional no 2024.

Para a resolución solicitarase informe sobre a sectorial ao Consello de Estudantado da USC, como órgano que é de participación e representación do alumnado na organización da vida universitaria.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 08.04.2024.