A USC convoca trinta bolsas Bancaja para estudar en Universidades alleas ao Espazo Europeo
A Vicerreitoría de Relacións Institucionais da USC convoca unha serie de bolsas para fomentar a mobilidade internacional dos seus estudantes. En virtude dun acordo con Bancaja, que nesta cuarta convocatoria do programa achega 50.000 euros, concederanse trinta axudas para cursar estudos durante o curso 2009-2010 en universidades coas que a USC ten formalizados convenios de cooperación de África, América, Asia e Australia.
Como explicaron en rolda de prensa o vicerreitor Lourenzo Fernández e o coordinador de Relacións Exteriores, Francisco Javier Sanjiao, o prazo de presentación de solicitudes permanecerá aberta ata o día 25 do presente mes de marzo. Nesta presentación participaron tamén o director da oficina en Santiago, Juan Luis Garrido; e o responsable de Fundación Bancaja na Unidade de Negocio Norte, Sancho Michell.
Os solicitantes destas bolsas, que non excederán de 1.500 euros por semestre, deberán estar matriculados en calquera titulación oficial da USC no curso 2009-2010 e ser previamente seleccionado para realizar estudos de grao, máster ou doutoramento dentro do Programa Xeral de Mobilidade Xan de Forcados cara a universidades alleas ao EEES na convocatoria de xaneiro de 2009. Ademais, os que xa gozaran deste intercambio non poderán repetir país pero si solicitalo noutro diferente por unha única vez.
A selección dos candidatos realizarase en base ao seu expediente académico, ao coñecemento da lingua da institución de destino, aos motivos para participar no intercambio e ás cartas de presentación dos docentes que o apoien.
Impulso ao emprendementoPor outra banda, a USC e Bancaja manteñen un acordo para fomentar o espírito e a vocación empresarial e ofrecer respaldo ás iniciativas emprendedoras a través da Cátedra Bancaja Mozos Emprendedores, que aposta principalmente polo emprendemento das mulleres nun intento por corrixir os desequilibrios de xénero no ámbito do acceso ao mundo empresarial.
Desde a cátedra organízanse seminarios, ciclos, conferencias e clases maxistrais e impúlsase o estudo de cuestións de interese específico a través da publicación de monografías e programas de investigación relacionados coa creación de empresas.