Ir o contido principal

A USC coordina un programa de mobilidade iberoamericana de emprendedores

A iniciativa, no marco da Rede RedEmprendia, permite aos novos emprendedores, complementar a súa formación e a xeración de contactos internacionais

A USC, xunto coa Universidade de São Paulo, coordinan o programa ‘RedEmprendia novos emprendedores: aprendendo a emprender’ que fomentará a mobilidade de novos emprendedores. A iniciativa ofrecerá a posibilidade a emprendedores vinculados ás distintas institucións participantes en RedEmprendia de realizar estadías formativas internacionais en empresas afíns ao seu sector de actividade, cunha duración de entre 2 e 6 meses en función do proxecto presentado. O programa contribuirá á realización destas estadías cunha achega que oscila entre o 3.000 euros para as de menor duración e os 7.000 euros correspondentes ás de seis meses. A finalidade é promover o intercambio de experiencias, a aprendizaxe intercultural, a formación e a xeración de contactos internacionais entre novos emprendedores. A convocatoria diríxese tanto a aqueles emprendedores que estean madurando o seu proxecto empresarial como os novos empresarios con menos dun ano de traxectoria na súa actividade. As institucións participantes, pertencentes ao espazo iberoamericano de innovación, proceden de Arxentina, Brasil, Chile, México, España e Portugal. As persoas interesadas deben dispoñer dun plan de empresa, ser maiores de idade, contar coa formación adecuada e ter algún tipo de vinculación cos programas e estruturas de apoio á transferencia e emprendemento da USC. A USC xestionará o desenvolvemento desta liña de traballo a través da Unidade de Valorización e Transferencia co apoio de Uninova, onde se pode obter máis información detallada a través do mailinfo [at] uninova.org (info[at]uninova[dot]org) ou do teléfono 881 815 593. RedEmprendia

RedEmprendia é a denominación da Rede Universitaria Iberoamericana de Incubación de Empresas que en decembro de 2006 impulsan a USC xunto coa Universidade de Barcelona e o apoio do Banco Santander. A súa misión, facilitar a transferencia de coñecemento, o desenvolvemento tecnolóxico, a innovación e o emprendemento universitario no ámbito latinoamericano. Na actualidade intégrana quince universidades de seis países que participan activamente en diferentes programas orientados á consecución dos seus obxectivos.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 08.06.2011.