Ir o contido principal

A USC coordina un simposio internacional que orientará as futuras políticas de xestión da pesca marítima recreativa en España

A USC coordina un simposio internacional que orientará as futuras políticas de xestión da pesca marítima recreativa en España
A USC coordina un simposio internacional que orientará as futuras políticas de xestión da pesca marítima recreativa en España

No marco do Proxecto SICORE, que lidera a USC para analizar o impacto socioeconómico e ambiental da pesca marítima recreativa (PMR) en España, o profesor Sebastián Villasante e o investigador Pablo Pita, ambos os dous da Universidade compostelá, coordinan esta semana en Vigo o I Simposio Internacional sobre Pesca Marítima Recreativa (ISMAREF 2018).

Nas costas de España practican a pesca recreativa aproximadamente 300.000 afeccionados, que contribúen notablemente ao desenvolvemento da economía por medio dos investimentos que realizan na súa actividade. Ao tempo, a pesca marítima recreativa opera en España nun marco legal complexo e disperso, con múltiples administracións involucradas en diferentes aspectos da actividade e con solapamentos de usos no medio mariño con outros sectores.

Neste contexto, o encontro internacional que terá lugar os próximos días 14 e 15 de setembro no Museo do Mar de Galicia abordará a necesidade dun maior esforzo investigador para xestionar esta pesca dunha maneira máis eficiente e así diminuír os conflitos entre pescadores recreativos e comerciais, e outros usuarios.

A última xornada do simposio estará dedicada enteiramente á elaboración dun Código de Boas Prácticas para a pesca marítima recreativa en España, que recollerá as propostas realizadas polos diferentes sectores involucrados e grupos de interese: pesca recreativa e comercial, ONGs, casas comerciais, Administracións Públicas e universidades.

SICORE A Política Pesqueira Común recoñece que a pesca recreativa pode ter un impacto significativo nos recursos pesqueiros e por iso a Unión Europea comezou a lexislala de maneira conxunta coa pesca comercial. Para afrontar esta estratexia é necesario realizar un maior esforzo investigador que permita recompilar datos da actividade e así poder xestionala dunha maneira máis sustentable.

Non obstante, en España non existe unha recollida sistemática de información sobre a PMR en materia de participación, esforzo, capturas, gastos e perfil social dos pescadores, tal e como propón o grupo de traballo sobre pesca recreativa do International Council for the Exploration of the Sea. Esta cuestión pode resultar un problema, xa que se a Comisión Europea considera que España non está cumprindo as súas obrigas neste campo, podería impor sancións económicas tales como a imposibilidade de recibir fondos FEMP.

Para dar resposta a esta necesidade naceu o Proxecto SICORE, cuxos resultados serán de aplicación en todo o litoral e en todas as augas territoriais españolas (tanto de competencia autonómica como estatal), coa previsión de desenvolver acción específicas en Baleares, Cataluña, Galicia, Murcia e o País Vasco.

O consorcio de SICORE está integrado por algúns de los científicos más recoñecidos no mundo no ámbito do estudo da PMR e do sector en Europa e España. O equipo investigador que coordina a USC –nomeadamente o profesor de Economía Aplicada Sebastián Villasante e o investigador posdoutoral da Xunta de Galicia Pablo Pita Orduna– está formado ademais pola Federación Galega de Pesca Marítima Responsable e Náutica de Recreo (FEDPEMAR), o Centro Tecnolóxico AZTI-Tecnalia, as Universidades de Girona e Murcia e o CSIC a través do CEAB-CSIC e do CSIC-IMEDEA.

SICORE conta co apoio da Fundación Biodiversidade do Ministerio para a Transición Ecolóxica a través do Programa pleamar, co financiado polo Fondo Europeo Marítimo e de Pesca (FEMP) e da Xunta de Galicia.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 11.09.2018.