Ir o contido principal

A USC coordinará investigación científica en Europa sobre servizos ecosistémicos mariños

O profesor Sebastián Villasante lidera o grupo
O profesor Sebastián Villasante lidera o grupo
O profesor Sebastián Villasante lidera o grupo que traballará para o Consello Internacional para a Exploración do Mar

O Consello Internacional para a Exploración do Mar (ICES) con sede en Copenhague (Dinamarca), organismo internacional de referencia no asesoramento e investigación dos océanos en Europa, acaba de crear un grupo de traballo sobre resiliencia e servizos ecosistémicos mariños e designar como responsable o profesor e investigador da USC Sebastián Villasante. Este novo grupo terá como obxectivo prover de soporte científico ao Consello, á Comisión Europea e a xestores políticos e stakeholders en materia de aplicación de novas metodoloxías e ferramentas para a valoración e xestión dos diferentes servizos ecosistémicos mariños (de aprovisionamento, de regulación e culturais). Agárdase que os resultados axuden á CE a formular diferentes accións e estratexias de uso sustentable dos servizos ecosistémicos costeiros a medio e longo prazo Baixo un enfoque participativo no que cooperarán investigadores, xestores e empresas, este novo grupo de traballo tratará de identificar e desenvolver técnicas de manexo de servizos ecosistémicos costeiros e entender a dinámica e distribución espacial e social destes servizos identificando os posibles conflitos entre actividades e usuarios. Ademais estudará o seu valor económico, os factores ecolóxicos, socioeconómicos e culturais que subxacen no uso e aproveitamento destes recursos e proverá de información e deseñará diferentes estratexias de manexo.

No seu Plan Científico ICES considera a investigación e os servizos ecosistémicos como de grande importancia estratéxica para asegurar o benestar social e económico das poboacións costeiras europeas en dúas das súas áreas temáticas principais de apoio á investigación –‘Understanding Ecosystem Functioning’ e ‘Understanding Interactions of Human Activities with Ecosystems-, o que permitirá identificar os diferentes usos do medio mariño así como a creación de sinerxías e minimización de trade-offs entre eles e os usuarios ou industrias que desenvolvan actividades costeiras.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 30.10.2013.