Ir o contido principal

A USC coordinou en Burkina Faso a primeira Escola Internacional pola Sustentabilidade para Mulleres Africanas

Integrantes do xurado, coas gañadoras das tres mellores presentacións das xornadas
Integrantes do xurado, coas gañadoras das tres mellores presentacións das xornadas

A USC, a través do grupo de Aplicacións Sustentables de Enerxía, coordinou en Burkina Faso a primeira Escola Internacional pola Sustentabilidade para Mulleres Africanas, iniciativa que tamén organizaban a African Network for Solar Development (ANSOLE), a Universidade Panafricana de Nacións Unidas e a Johannes Kepker Universitat de Linz, entre outras. A profesora da Facultade de Física Ángeles López Agüera, representantes española en ANSOLE, coordinou os obradoiros interactivos.

Este encontro celebrouse ao longo dunha semana na capital do país africano Ouagadugú integrados nas actividades da Sustainable Energetics for Africa (SE4A) e auspiciado polo Ministerio de Enerxía de Burkina Faso e financiada pola Fundación Volkswagen. Nel participaron algo máis de 50 científicas novas e empresarias de sete países do oeste africano (Burkina, Nixeria, Etiopía, Senegal, Togo, Benin e Ghana), todos eles na franxa climática do Sahel.

Durante unha semana, a través de charlas, obradoiros e visitas formativas, as participantes traballaron sobre as expectativas enerxéticas sustentables a medio e longo prazo, a adecuación aos Obxectivos de Desenvolvemento Sustentable e a implicación das políticas enerxéticas na mitigación do Cambio Climático. Esta primeira escola terá continuidade no mes de xullo en Camerún cunha segunda edición dedicada a África Norte e Este.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 14.03.2017.