A USC e Coremain asinarán un acordo marco para a colaboración en temas relacionados coa sociedade do coñecemento e a formación nas TIC
O reitor da Universidade de Santiago, Senén Barro, e o director xeral de Coremain, Manuel Ángel Balseiro López, asinarán o vindeiro luns 12 un convenio marco para o desenvolvemento de actividades conxuntas de interese mutuo. A sinatura celebrarase ás 11:30 horas no Salón Reitoral do Colexio de San Xerome.
O acordo senta as bases para futuras colaboracións de cara á promoción do desenvolvemento da sociedade do coñecemento a través do desenvolvemento dunha formación especializada nas Tecnoloxías da Información e das Comunicacións (TIC) así como para estimular o avance e desenvolvemento da formación universitaria mediante a adopción das derradeiras innovacións no sector das TIC. Finalmente, o convenio pretende achegar a formación dos profesionais das TIC ás necesidades do sector, ampliando as súas capacidades e mellorando as súas posibilidades de inserción laboral.