Ir o contido principal

A USC e Coremain colaborarán en temas relacionados coa sociedade do coñecemento e a formación nas TIC

O reitor da Universidade de Santiago, Senén Barro, e o director xeral de Coremain, Manuel Ángel Balseiro López, asinaron este luns en San Xerome un convenio marco e outro específico para o desenvolvemento de accións e iniciativas conxuntas encamiñadas á promoción e ao impulso do uso das TIC no ámbito docente e de investigación universitaria.
O acordo, de dous anos de vixencia, senta as bases de colaboración de cara á promoción do desenvolvemento da sociedade do coñecemento a través dunha especialización nas Tecnoloxías da Información e das Comunicacións (TIC) así como para estimular o avance da formación universitaria mediante a adopción das derradeiras innovacións neste sector. O acordo pretende ademais achegar aos profesionais das TIC ás necesidades do sector, ampliando as súas capacidades e mellorando as súas posibilidades de inserción laboral.
Fomento das novas tecnoloxías entre estudantesA Universidade compostelá e a consultora de información e comunicacións porán en marcha diversas accións para fomentar a utilización das novas tecnoloxías por parte dos estudantes a través de concursos de ideas e aplicación de tecnoloxía para proxectos así como da promoción de actividades de apoio que faciliten a inserción profesional de estudantes e titulados da USC.
Especificamente, Coremain proporcionará relatores e documentación técnica de apoio para seminarios formativos que teñan relación coas titulacións de grao, másters e programas de doutorado que imparta a USC no ámbito das TIC, actualmente as titulacións de Enxeñeiro Técnico en Informática de Sistemas e o Programa de Terceiro Ciclo Interuniversitario en Tecnoloxías da Información (TIN).
Por outra banda, Coremain outorgará un premio anual de 300 euros ao mellor proxecto fin de carreira en cada unha das titulacións da USC, outro da mesma contía e unha bolsa de inserción laboral de alomenos seis meses para un dos estudantes do Programa TIN que obtivera o Diploma de Estudos Avanzados con traballos de temática de interese para a empresa, e un último premio de 750 euros para un dos estudantes cuxa tese doutoral fora tamén de interese.
Ademais, Coremain ofrecerá como mínimo anualmente dúas prazas para prácticas en empresas por parte de estudantes do derradeiro curso para cada unha das titulacións que imparte a USC no ámbito TIC así como dunha bolsa de inserción laboral dun mínimo de seis meses de duración para recén titulados.
O convenio establece ademais a colaboración da empresa na formación de titulados no ámbito TIC mediante a achega de equipamento docente ata un máximo de 3.000 euros ao ano, que se destinará á docencia práctica das materias da titulación de Enxeñeiro Técnico en Informática de Sistemas máis relacionadas coas liñas de negocio de Coremain. Do mesmo xeito, e para estimular a formación de titulados de posgrao e doutores no ámbito TIC, Coremain participará como patrocinador-colaborador do Programa TIN mediante a achega de ata 3.000 euros para financiar actividades docentes.
Formar profesionais innovadoresXa co obxecto de axudar aos profesores a empregar as TIC no seu labor docente e de investigación, Coremain colaborará coa USC nos seus programas de formación de profesorado así como doutros elementos innovadores de interese educativo encadrados nas liñas de negocio da empresa. Entre estas accións figuran a súa participación en congresos, seminarios ou reunións do profesorado achegando relatores naquelas cuestións que lle sexan requiridos, ademais de organizar xornadas destinadas a potenciar a formación e a investigación tecnolóxica que realice a USC.
Colaboración en proxectos de investigacionPor outra banda, ambas as dúas partes asinantes desenvolverán estudos relacionados coas TIC, realizarán actividades e programas de investigación e dotarán de subvencións para potenciar a formación de doutores e persoal investigador no ámbito das TIC. Ademais, patrocinarán actividades concretas de I+D+i coa finalidade de fomentar a investigación no ámbito universitario.
Experiencias educativas innovadorasPor último, o convenio marco establece a realización de experiencias, proxectos e actividades dirixidas a promocionar o uso das TIC aplicadas á mellora da calidade de vida dos cidadáns e como ferramenta de aprendizaxe e ensino

Os contidos desta páxina actualizáronse o 12.11.2007.