Ir o contido principal

A USC declara 2008 Ano Rodríguez Cadarso en recoñecemento ao que fora reitor da institución

O Consello de Goberno da Universidade de Santiago decidiu na súa xuntanza de hoxe declarar 2008 como o Ano Rodríguez Cadarso, en recoñecemento ao que fora reitor da institución na década dos 30. Deste xeito, ao longo dos vindeiros meses organizaranse actividades en torno á figura do catedrático cuxo traballo supuxo un importante pulo á USC.
Alejandro Rodríguez Cadarso (1887-1933), impulsor do desenvolvemento do campus sur compostelán e da residencia de estudantes, foi catedrático de Anatomía na Universidade compostelá, tarefa que compaxinou co seu labor como deputado pola Organización Republicana Galega Autónoma durante a República.
O mesmo órgano de goberno acordou tamén apoiar a candidatura da Torre de Hércules, único faro romano do mundo en funcionamento, como Ben Cultural Patrimonio da Humanidade. Neste senso, os méritos arquitectónicos, históricos, medio ambientais, a súa singularidade e o seu contorno foron recoñecidos na reunión celebrada a finais de 2007 pola Comisión do Patrimonio Histórico Español, que decidiu que a Torre de Hércules fose a representante de España na citada listaxe de Bens Culturais Patrimonio da Humanidade en 2008.
Planificación Académica AnualOs criterios e instrucións que deberán aplicarse para a aprobación da Planificación Académica Anual (PAA) do curso 2008-2009 da USC foi outro dos puntos da orde do día que aprobou o Consello de Goberno. Como novidade con respecto aos que se viñan utilizando nos últimos anos, o novo documento recoñecerá o maior esforzo docente requirido para atender grupos cun maior número de estudantes e por mor doutras actividades de xestión e coordinación docente. Ademais, aplicarase o acordo para o recoñecemento da actividade investigadora na dedicación do profesorado na USC.
A PAA é o proceso que ten como resultado final a formalización e publicación da Oferta Académica da Universidade e que se configura a partir da integración dos procesos de elaboración do Plan Docente Anual que realizan os centros e do Plan de Organización Docente dos departamentos.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 29.01.2008.