A USC dedica un dos seus cursos de verán ás posibilidades de reutilización dos lodos de depuradora como fertilizante
A oferta da Universidade de Verán 2012 da USC inclúe este ano un curso sobre as posibilidades de aproveitamento dos lodos de depuradora como fertilizante en terreos agrícolas, forestais ou espazos degradados. A actividade está organizada polo Instituto de Biodiversidade e Desenvolvemento Rural (Ibader) da USC no Campus de Lugo, en cuxa sede se celebrará entre os días 5 e 7 de setembro próximos. As directoras do curso son Elvira López Mosquera, directora do Ibader, e a profesora do Departamento de Produción Vexetal da Escola Politécnica Superior Rosa Mosquera Losada; da secretaría encárgase a profesora de Edafoloxía e Química Agrícola Socorro Seoane Labandeira. O encontro comeza o día 5 de setembro coa mesa redonda ‘Estado actual da lexislación sobre o uso agrícola de lodos a nivel europeo, estatal e autonómico’ na que participan a subdirectora xeral de Residuos e Solos Contaminados da Consellería de Medio Ambiente, Verónica Tellado Barcia e a subdirectora xeral de Apoio a Explotacións Agrarias da Consellería de Medio Rural, Patricia Ulloa Alonso. Rosa Calvo de Anta presentará a continuación o seu relatorio ‘Normativa española de solos contaminados: metais pesados’, mentres que Rosa Mosquera falará sobre os elementos potencialmente tóxicos (EPT). A contaminación de tipo microbiano e a súa corrección por etapas de hixienización de lodos e de substratos ou emendas será o tema que desenvolverá na súa intervención Manuel Bao. A xornada péchase con senllos relatorios a cargo de Mª Carmen Mosquera (contaminantes orgánicos) e Francisco Omil (o problema dos cheiros e a súa mitigación). Todos eles forman parte do cadro de profesores da USC. A xornada do día 6 ábrese cunha mesa redonda sobre a valorización agronómica de lodos de EDAR e agroindustriais en terreos agrícolas e forestais, na que toman parte Josefa de León Blanco, da empresa Agroamb; Rosa Mosquera e Elvira López Mosquera. Tras esta mesa redonda o profesor da USC Felipe Macías Vázquez impartirá unha charla sobre a valorización de lodos en espazos degradados. A sesión de tarde deste segundo día estará dedicada integramente a visitar a depuradora da cidade de Lugo e a empresa xestora de residuos Agroamb. O venres 7 a actividade iníciase cun relatorio en torno á compostaxe de lodos de depuradora, por parte do profesor da Universidade de Vigo Domingo Pérez e unha segunda conferencia sobre tecnosoles a cargo de Felipe Macías García, da empresa TEN. A visita pola tarde á mina desta empresa en Touro (A Coruña) pecha o programa do curso. A actividade consta dun total de 23 horas lectivas, e a matrícula pode realizarse a través da páxina web da Área de Cultura da USC.