A USC defende a non violencia como fórmula acaída de organización social e manifestación cultural
A violencia está presente en moitos ámbitos cotiás e a súa existencia constitúe unha problemática en si mesma, polo que é preciso traballar a prol da erradicación destes casos. Daquela, a cultura da non violencia antóllase como a fórmula de organización social e manifestación cultural máis acaída, segundo sinalou a vicerreitora de Coordinación do campus de Lugo, Montserrat Valcárcel Armesto, na apertura das xornadas celebradas na Casa do Saber co gallo da celebración de 2018 como Ano da Non Violencia.
Estruturado en diversos relatorios arredor das cuestións da violencia e da paz, intervencións musicais e recitais poéticos, o programa deste foro monográfico impulsado pola Vicerreitoría de Coordinación do campus de Lugo e coordinado polas profesoras Elena Freire Paz, Ana Cabana Iglesias e Beatriz Fernández Herrero, quen na súa intervención inicial afondou nas ideas de que a paz responde a un proceso colectivo e sempre inacabado, comezou co relatorio ‘A invención da paz’.
O investigador Ramón y Cajal na USC Antonio Míguez Macho xustificou o título da súa exposición no feito que se ben a violencia acompañou de sempre ao home a á muller a paz é o resultado ou un invento posterior que empezou a consolidarse a partir da metade do século XVI coa sinatura de diversos acordos en 1648, o que se coñece como A Paz de Westfalia.
O catedrático de Antropoloxía da Universidade Rovira i Virgili, Jordi Roca Girona, ofreceu a continuación o relatorio ‘Morrer de amor. As consecuencias perversas do amor romántico’, no que se achegou á problemática da violencia de xénero. A actuación musical de Blanca Villares e Pablo Pintor pechou a sesión matinal deste foro.
Xa en quenda de tarde, o catedrático de Antropoloxía da Uned Julián López García ofreceu a conferencia ‘Radiografía da represión franquista e formas de resistencia na Mancha’. De seguido, o catedrático de Historia da USC e da Universidade de Munich, Xosé Manoel Núñez Seixas, pechou o programa de intervencións co relatorio ‘Conmemorando a Rosa Branca: A non violencia nunha sociedade totalitaria. O caso do nazismo’.
A xornada promovida desde a Vicerreitoría de Coordinación do campus de Lugo co gallo da conmemoración de 2018 como Ano da Non Violencia chegará ao seu colofón un recital poético a cargo do poeta e profesor da USC Claudio Rodríguez Fer.
Montserrat Valcárcel e Beatriz Fernández Herrero, na apertura das xornadas Blanca e Pablo, durante a súa intervención musical