Ir o contido principal

A USC deixa a súa pegada no Cumio sobre Cambio Climático con intervencións nos foros da COP 25, achegas innovadoras e actividades nos seus campus

Rosa Mosquera, no centro, na súa intervención na zona azul do COP 25, en Madrid
Rosa Mosquera, no centro, na súa intervención na zona azul do COP 25, en Madrid
A isto cómpre sumar o acordo asinado polas universidades españolas, que incide nos múltiples cometidos que estas poden desenvolver para impulsar un desenvolvemento sostible
Lugo

A pegada da USC está a facerse visible estes días nas primeiras xornadas do Cumio sobre Cambio Climático COP 25, un foro internacional que se desenvolve en Madrid ata finais da próxima semana e no que a institución académica compostelá está a deixar unha fonda pegada xa a través da presentación e o debate de proxectos e iniciativas desenvolvidos ou coordinados por investigadores dos campus de Santiago e Lugo, xa pola presentación de iniciativas orientadas á mitigación dos efectos do cambio climático e a prol dun planeta máis sustentable, ou mesmo con conferencias na zona azul do cumio e coa organización de coloquios, obradoiros e seminarios en distintos centros universitarios da USC.

A presentación neste foro internacional das accións desenvolvidas na cidade de Lugo ao abeiro do programa Life Lugo + Biodinámico, un proxecto europeo coordinado polo Concello de Lugo, pero que conta entre os seus protagonistas activos coa USC e nomeadamente con profesores e investigadores da Escola Politécnica Superior de Enxeñaría do Campus de Lugo, tal e como Antonio Rigueiro Rodríguez, Roque Rodríguez Soalleiro, Manuel Guaita ou, entre outros, Juan Luis Fernández, comezou a marcar a pegada da USC na COP 25 nunha xornada na que a temén catedrática da USC Rosa Mosquera, que acudiu como relatora convidada a esta convención de Nacións Unidas sobre Cambio Climático, ofreceu a conferencia ‘Innovación e cambio climático’.

A implicación da USC a prol da loita do cambio climático fíxose visible na COP 25 a través de todas e cada unha das accións contempladas no Life Lugo+Biodinámico e entre as que cómpre salientar creación dun cinto verde con 15.000 especies arbóreas e plantacións demostrativas de cultivos acaídos para a construción urbanística das futuras cidades del futuro, a recuperación da área húmida das Gándaras, un espazo natural de interese local, a execución do edificio Impulso Verse, o primeiro levantado con madeira de Galicia, cun aforro enerxético do 74% e cunha redución de emisións de CO2 do 90%, e a creación do primeiro barrio multiecolóxico de España.

A intervención da catedrática da USC Rosa Mosquera, investigadora que ademais desempeña numerosos cargos internacionais, entre os que figura o de integrante Alianza Global de Investigación en Agricultura sobre Gases de Efecto Invernadoiro, presentou diante dun auditorio internacional algúns dos eixes sobre os que debe xirar a chamada agricultura climáticamente intelixente e que afectan á relación/divulgación/formación dos produtores, a transferencia de coñecementos e resultados de I+D +i ao tecido produtivo e a interacción con empresas e industrias a través de alumnado e titulados universitarios. A contribución das prácticas agroforestais á mitigación dos efectos do cambio climática e as accións desenvolvidas ao abeiro da rede temática Afinet, que ela mesma coordina, foron outras cuestións abordadas por Rosa Mosquera neste cumio mundial sobre cambio climático.

Pescaenverde
A estas intervencións cómpre sumar tamén a presentación n COP 25 por parte da USC dunha proposta ou proxecto innovador como é Pescaenverde, unha ecoetiqueta que achega información ao consumidor sobre o impacto que os produtos pesqueiros teñen sobre o medioambiente (pegada de carbono), ao tempo que achegan valor engadido aos produtos que incorpora a marca. Esta proposta innovadora presentada pola USC no Cumio sobre o Cambio Climático é unha das oito achegas trasladadas a este congreso internacional desde as universidades españolas e conta xa coa colaboración de 33 confrarías de pescadores de Galicia.

Alén destas accións de participación directiva no COP 25, a presenza da USC neste foro internacional tamén está patente no manifesto que vén de presentar a Crue a prol dun planeta máis sustentable. O acordo asinado polas universidades españolas incide nos múltiples cometidos que poden desenvolver as universidades para impulsar as transformacións que se precisan para avanzar cara a un desenvolvemento sostible.

Programación USClima

As propostas promovidas e impulsadas desde a USC no seu programa USClima ao abeiro da COP 25 contemplan a celebración de varios seminarios, charlas e obradoiros en diversos centros universitarios dos campus de Lugo e de Santiago.

Esta programación comezará este xoves, a partir das 12.00 horas, na Escola Politécnica Superior de Enxeñaría do Campus de Lugo, coa celebración dunha mesa de debate baixo o título ‘As respostas da enxeñaría ao cambio climático’, nas que intervirán como relatores os profesores Agustín Merino García, Jorge Dafonte, Inés Santé e Rosa Mosquera.

Accións semellantes son as que se desenvolverán o 10 de decembro polo instituto de investigación Cretus, en Santiago, que acollerá un seminario de modelización e impacto ambiental de fenómenos derivados do cambio climático, no que participarán os profesores Vicente Pérez, María Loureiro e Carmela Monterroso. Asemade, o vindeiro martes, a agrupación estratéxica de investigación BioReDes tamén celebrarán unha sesión expositiva na Facultade de Veterinaria de Lugo, no marco da que o catedrático Manuel Guaita ofrecerá o relatorio ‘Bioeconomía para unha construción utilizando estrutura de madeira’.

Este programa de actividades organizado en parello co Cumio sobre Cambio Climático COP 25 continuará o 11 de decembro na ETSE coa sesión 'Os océanos, de amortiguadores do cambio climático a acumuladoras de lixo en grandes illas de plástico', e chegará ao seu colofón ao día seguinte coa celebración, tamén na Escola Técnica Superior de Enxeñaría (ETSE), do obradoiro ‘Como podemos minimizar as emisións de gases de efecto invernadoiro nas estacións de depuración de augas residuais (Edar)?’, impartido por Francisco Omil e o técnico de Cetaqua, Yago Lorenzo.

Presentación de propostas innovadoras da USC na zona vermella do COP 25, en Madrid Rosa Mosquera, á esquerda, con representatnes internacionais cos que compartiu intervención

Os contidos desta páxina actualizáronse o 09.12.2019.