Ir o contido principal

USC, Deputación, Caixa Rural, CEL e Cámara de Comercio renovan o convenio de financiamento do CITT

O centro contabilizou ingresos en investigación no 2007 por un total de 6,85 millóns de euros

A Universidade de Santiago, a Deputación Provincial de Lugo, Caixa Rural Galega, a Confederación Empresarial Lucense e a Cámara de Comercio, Industria e Navegación asinaron este venres na Vicerreitoría de Coordinación a renovación do convenio de colaboración entre as cinco entidades, que permite o financiamento dunha parte da actividade desenvolvida no Centro de Innovación e Transferencia de Tecnoloxía (CITT) do Campus de Lugo durante un ano cunha achega total de 57.094 euros.
O acordo foi asinado polos representantes das distintas institucións, o reitor, Senén Barro; o presidente da Deputación, José Ramón Gómez Besteiro; o presidente da entidade financeira, José María Pardo Montero e o secretario da CEL, Jaime López Vázquez. No acto estiveron acompañados polo vicerreitor de Coordinación do Campus de Lugo, Carlos Herrero, desculpando a ausencia do representante da Cámara.
Este convenio vense renovando anualmente dende o ano 1995, cando foi concretada a construcción do CITT co obxectivo de establecer un servizo que relacionara as demandas específicas en materia de investigación en xeral, e da investigación aplicada en particular, no marco do Campus lugués.
A través dunha Comisión de Seguimento, ano a ano, representantes das cinco institucións supervisan esta parte do financiamento, que está destinado a custos de material, persoal e mantemento, así como á promoción de actividades de investigación tecnolóxica e a fomentar a conexión efectiva neste campo entre a Universidade, as empresas e a sociedade en xeral.
As contribucións económicas distribúese de xeito desigual. Caixa Rural Galega achega 39.065 euros; a Deputación 9.015 e as outras dúas entidades 4.507 cada unha. Pola súa banda, a USC ocúpase do mantemento do centro en gastos correntes e da dotación de locais e material informático.
A contía concedida por cada institución é a mesma que no ano anterior e foi aprobada nunha reunión da Comisión de Seguimento do convenio, celebrada no mes de xaneiro e na que se deu conta do resultado económico do centro, onde se contabilizaron ingresos por 6.854.631 euros, sen incluír as subvencións habituais de proxectos europeos e fondos FEDER, porque non foron convocadas.
O reitor suliñou que, pola contra, o investimento en investigación aumentou por parte da Xunta de Galicia un 25% e por parte de proxectos do Plan Nacional un 30% cunha subida do 5% en contratos e convenios con empresas.
Durante o acto todos coincidiron en sinalar a necesidade de continuar con este convenio e manifestaron o seu apoio ao mesmo, adiantando a posibilidade de aumentar as concesións económica de cada unha das partes.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 08.02.2008.