Ir o contido principal

USC e Deputación de Lugo afianzan a súa colaboración para fortalecer o músculo investigador do Campus Terra

Vista aérea do edificio Cactus do Campus de Lugo. FOTO: Santi Alvite
Vista aérea do edificio Cactus do Campus de Lugo. FOTO: Santi Alvite
O reitor Antonio López cualificou de “fundamental” o apoio institucional recibido, “clave no desenvolvemento do sector agroalimentario e forestal de Galicia”
Lugo

USC e Deputación Provincial de Lugo asinaron este martes 10 un convenio de colaboración para promover actividades de investigación tecnolóxica, favorecer a difusión no medio económico e social e impulsar a súa dinamización a nivel interno entre a propia comunidade universitaria. O reitor da USC Antonio López cualificou de “fundamental” o apoio institucional recibido pola institución provincial para fortalecer o músculo investigador do Campus de Lugo, “clave no desenvolvemento do sector agroalimentario e forestal de Galicia”. Este acordo que ten unha dotación de case 10.000 euros, enmárcase nunha actuación máis ampla e na que tamén participa Caixa Rural Galega e a Confederación de Empresarios de Lugo (CEL) cunha dotación total que ascende ata os 62.800 euros.

O reitor reiterou na súa intervención a gratitude por esta “colaboración sostida no tempo” e sinalou que a “sinerxía entre institucións é motor de avance para a sociedade”. Antonio López lembrou tamén que a dotación deste convenio serve para dinamizar a captación de recursos e proxectos, así como a difusión dos resultados das actividades de I+D+i que teñen como finalizade última “impactar na cidadanía e mellorar a súa calidade de vida”.

Pola súa parte, o presidente da Deputación lucense, José Tomé, avanzou que “dende a Deputación de Lugo renovamos este acordo de colaboración demostrando así o firme compromiso que mantemos na nosa institución co desenvolvemento do eido da investigación, a innovación e o coñecemento científico”. Así mesmo, o Presidente destacou a importancia de colaborar “con accións e iniciativas coma esta que favorecen o desenvolvemento da sociedade”.

As iniciativas que se inclúen nesta colaboración e que se desenvolven a través do Campus de Lugo van dirixidas a dar a coñecer entre o profesorado da Universidade os proxectos e as convocatorias de I+D+i realizadas por distintos organismos e entidades a nivel autonómico, estatal e internacional. Nesta actuación inclúese tamén o apoio, mediante persoal técnico, na elaboración de propostas das distintas convocatorias. Así mesmo, tamén se introduce a captación de recursos e proxectos para diferentes áreas e a difusión dos resultados dos proxectos e actividades de I+D+i do Campus Terra nos medios de comunicación, o que favorecerá a transferencia de coñecemento ao conxunto da sociedade.

Colaboración activa 


O acto de sinatura apuntala a colaboración activa entre ambas as institucións. Así, a institución provincial achega á USC un total de 370.500 euros de forma anual e tamén desenvolve diferentes proxectos e iniciativas como o da Granxa Experimental de Leite na finca provincial Gayoso Castro. Ademais, en xullo de 2022, a Deputación cedeu de forma gratuíta os terreos necesarios para construír a nova Facultade de Formación do Profesorado.
 

José Tomé e Antonio López durante a sinatura do convenio
José Tomé e Antonio López durante a sinatura do convenio
Os contidos desta páxina actualizáronse o 10.09.2024.