Ir o contido principal

USC e Deputación ratifican a súa alianza a prol do campus de Lugo

De esquerda a dereita, García, Valcárcel, López e Tomé, na Deputación Provincial de Lugo
De esquerda a dereita, García, Valcárcel, López e Tomé, na Deputación Provincial de Lugo
O reitor Antonio López e o presidente José Tomé mantiveron no Pazo de San Marcos un encontro institucional no que trataron as liñas de colaboración existentes
Lugo

O reitor da USC, Antonio López Díaz, e o presidente da Deputación Provincial de Lugo, José Tomé Roca, mantiveron este xoves no lugués Pazo de San Marcos un encontro institucional que serviu para que as dúas institucións ratificaran a súa alianza a prol do desenvolvemento da sede universitaria luguesa. A vicerreitora de Coordinación do Campus de Lugo, Montserrat Valcárcel, e a deputada provincial Pilar García Porto, tamén participaron nesta xuntanza, que permitiu facer visible o clima de bo entendemento e de máxima colaboración que existe entre ambas entidades.

O presidente da Deputación Provincial de Lugo aproveitou este encontro para trasladar ao reitor da USC a vontade de seguir traballando nas diferentes liñas de colaboración que agora mesmo están activas entre a Universidade e a Deputación. Ambos dirixentes intercambiaron opinións e actualizaron información, tamén coa mirada posta en explorar futuras sinerxías para desenvolver a curto e medio prazo.

Tomé Roca salientou que “nos últimos anos o Plan de Choque é unha aposta decida para impulsar e situar o Campus Terra no lugar que merece, por iso dende a Deputación se vén renovando nos últimos anos esa contía que ascende aos 350.000 euros”. Ademais, explicou que existen outros convenios importantes coma a construción da Granxa Experimental de Vacún ou a explotación de porco celta, proxectada tamén na finca Gayoso Castro, en Castro de Rei, ou, por exemplo, os convenios que permiten que se realicen xornadas ou cursos por toda a xeografía da provincia.

O reitor Antonio López tamén cualificou de “imprescindible” para a consolidación do campus de Lugo da USC o apoio institucional recibido da Deputación Provincial de Lugo. López referiuse asemade á futura Granxa Experimental proxectada en Castro de Rei como unha dotación de máxima importancia para mellorar a calidade da actividade docente e de I+D+i, así como da formación práctica que se imparte na Facultade de Veterinaria e na Escola Politécnica Superior de Enxeñaría.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 16.12.2019.