Ir o contido principal

A USC desenvolve unha aplicación web para a coordinación internacional dos programas de mobilidade

A USC desenvolve unha aplicación web para a coordinación internacional dos programas de mobilidade
A USC desenvolve unha aplicación web para a coordinación internacional dos programas de mobilidade

Coa fin de optimizar a xestión dos programas de mobilidade así como axilizar e dotar de transparencia os trámites, a Universidade de Santiago acaba de desenvolver integramente unha aplicación web ideada para que a utilicen todas as universidades coas que colabora. Con esta ferramenta, baseada na experiencia de plataformas previas, trátase de unificar criterios co obxecto de axilizar procesos e así poder ofrecer un mellor servizo.

A presentación da aplicación, que correu a cargo das técnicas da USC Fátima Fernández Fernández e Isabel Barreiro Vázquez, tivo lugar en Fonseca no transcurso da segunda sesión da Staff Week, un encontro que reúne esta semana na USC a membros da comunidade universitaria de máis dunha decena de países entre os que se atopan India, Líbano, Irán ou Exipto cos que a Universidade compostelá colabora en materia de mobilidade.

A Staff Week enmárcase no Programa Erasmus + KA 107 e ten como obxectivo primordial fomentar o traballo en rede entre as máis de 30 universidades participantes e poñer en común metodoloxías de traballo que revertan nunha optimización na xestión e difusión dos programas de mobilidade nos que participan todos os membros do consorcio.

Na xornada inaugural celebrada onte no Salón Nobre do Pazo de Fonseca interviñeron o asesor para a Xestión da información e elaboración do Mapa Relacional, Jacobo Feás Vázquez, e o xefe do Servizo de Relacións Exteriores da USC, Enrique López Veloso, que na súa intervención destacou a dimensión que nos últimos 25 anos adquiriu o servizo que dirixe tanto en número de programas de mobilidade como no persoal encargado da súa xestión e as áreas xeográficas implicadas. Nesta liña, explicou que a USC ocupa a terceira posición en Europa na coordinación de proxectos.

A axenda de actividades da Staff Week continuará este mércores no Campus de Lugo. O xoves o venres desenvolveranse de novo en Santiago sesións de traballo que rematarán cun acto de clausura no que participarán a vicerreitora de Internacionalización, Almudena Hospido, a xefa de Sección de Mobilidade, Cooperación e Acordos Bilaterais, Anne Forryan; e Enrique López Veloso.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 23.01.2018.