A USC deu a benvida a preto de 300 estudantes internacionais no ‘Welcome day’

Coa celebración este sábado 24 da IV edición do ‘Welcome Day’ , a USC dá a benvida ao alumnado internacional que vai cursar estudos na institución académica este curso 2022/23. A xornada, organizada pola Oficina de Captación Internacional, adscrita á Vicerreitoría de Titulacións e Captación Internacional, desenvólvese no xardín do Colexio de Fonseca. O reitor Antonio López preside ás 12.30 horas a sesión inaugural, que tamén conta coa participación da vicerreitora de Titulacións e Internacionalización, María José López Couso; da directora da Axencia de Turismo de Galicia, Nava Castro Domínguez; da subdirectora xeral de Coordinación, Administrativa, Económica e de Programas Sociais da Secretaría Xeral da Emigración, María Baleato González; e do concelleiro de Presidencia, Relacións Institucionais e Turismo do Concello de Santiago, Gumersindo Guinarte Cabada.
O programa do evento, que se celebra entre as 12.30 e as 17.00 horas, conta con diferentes actividades encamiñadas a presentar a universidade compostelá entre o novo alumnado, así como distintos aspectos da cultura galega. Para fomentar a interacción das persoas asistentes fórmanse diferentes equipos para participar nun concurso de preguntas e respostas para testar o seu coñecemento sobre Galicia. A continuación, actúa o Espazo de Danza USC mentres se serve un xantar con diferentes produtos típicos da nosa gastronomía. A xornada remata con música en directo. 300 alumnos e alumnas de 40 países danse cita neste acto, sendo as comunidades máis numerosas a italiana, a mexicana, a colombiana, alemá e a polonesa.
“A USC recibía antes da pandemia máis de 1.100 alumnos e alumnas internacionais cada curso académico. Actualmente seguimos a traballar para que esta cifra continúe medrando”, sinalou a vicerreitora María José López Couso. “Por outra banda, o contacto con outras culturas é totalmente enriquecedor para o noso alumnado. Neste senso a mobilidade é vital porque achega o que en termos universitarios se denomina a internacionalización na casa ou a diversidade na aula”, indicou Lopez Couso. “Ademais os estudantes que participan en programas de mobilidade presentan un índice de inserción laboral un 23% maior no prazo de cinco anos, segundo un informe elaborado pola Comisión Europea en 2018”, concluíu.
Un 90% do alumnado repetiría na USC
O índice de satisfacción do alumnado estranxeiro na USC é moi elevado, xa que o 90% afirma que repetiría a súa experiencia na institución, segundo un estudo realizado polo antigo Servizo de Relacións Exteriores. Esta mesma enquisa puxo de manifesto que o estudantado internacional é un importante embaixador da USC cando regresa á súa universidade de orixe. Un 40% dos novos estudantes decántase pola institución compostelá en base á experiencia positiva de alumnos internacionais de cursos precedentes.
A ampla oferta académica da Universidade en diferentes áreas de coñecemento, a súa longa tradición, a oferta de servizos culturais e deportivos ou a experiencia de estudar e vivir nos campus de Lugo e Santiago, dúas cidades declaradas Patrimonio da Humanidade pola UNESCO, son algúns dos factores que fan que o alumnado estranxeiro se decante pola USC. Por outra banda, a calidade de vida, os prezos económicos e a posibilidade de mobilidade para visitar outras cidades no ámbito estatal ou internacional xogan tamén un papel importante.
