Ir o contido principal

A USC distribuirá de xeito gratuíto lectores de DNI electrónico

A Universidade de Santiago iniciará o vindeiro luns 30 de novembro o reparto gratuíto de lectores de DNI electrónico (DNI-e). Todos os alumnos que xa teñan o novo documento de identidade e o presenten nas Unidades de Xestión Académica (UXA) dos Campus poderán retirar o seu lector. O Persoal de Administración e Servizos recibirao nos seus respectivos postos de traballo.
Nesta mesma liña e xa no vindeiro ano, a USC quere dar un novo paso a prol do afianzamento da administración electrónica para o que se ofrecerá á comunidade universitaria a posibilidade de realizar a tramitación de procedementos, a realización de solicitudes ou sinatura de trámites por medio da sinatura dixital. En todas estas situacións o certificado dixital e o uso do lector que agora se vai achegar serán elementos imprescindibles na xestión ordinaria.
Ao abeiro do Plan Avanza e impulsado pola entidade pública red.es, esta iniciativa permitirá a utilización DNI-e en procedementos e trámites electrónicos da USC ou en calquera outra administración pública. Trátase dunha acción que potencia a utilización da sinatura dixital en todos os ámbitos e asenta os alicerces tecnolóxicos e organizativos para avanzar cara a administración electrónica.
A USC aposta polo uso das Tecnoloxías da Información e das Comunicacións na docencia, na investigación e na xestión. Neste senso considera preciso incorporar sistemas de tramitación que faciliten as actuacións dos usuarios con plenas garantías xurídicas, tomando a sinatura dixital como medio de identificación nos procedementos electrónicos. Na institución académica compostelá xa existen destacados exemplos previos nesta liña, como a sinatura das actas académicas.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 27.11.2009.