Ir o contido principal

A USC edita o libro dixital Na procura da noite. Fotografando o ceo nocturno

Parte dos autores do libro, xunto coa vicerreitora Mar Lorenzo, o co coordinador da obra Jorge Mira e o director do Servizo de Publicacións da USC. Foto: RQ
Parte dos autores do libro, xunto coa vicerreitora Mar Lorenzo, o co coordinador da obra Jorge Mira e o director do Servizo de Publicacións da USC. Foto: RQ

Son un total de 94 imaxes que recollen outras tantos instantáneas do ceo nocturno da man “dun grupo de soñadores que, sendo sensibles ao instinto ancestral de mirarmos cara ao ceo, se lanzaron á procura da noite a rescatar ese tesouro apagado polo malgasto de luz artificial”. Salvador Bará Viñas e Jorge Mira Pérez, profesores do Departamento de Física Aplicada da USC e coordinadores do libro Na procura da noite. Fotografando o ceo nocturno presentan nestas liñas aos nove fotógrafos e fotógrafas que achegan o seu punto de vista nesta obra coral agora editada pola USC.

Como se puxo de manifesto na presentación aos medios de comunicación celebrada este mércores na Reitoría da USC, o centenar de imaxes contidas no libro son “unha selección dos mellores fotógrafos do ceo nocturno de Galicia” e achega “a súa ollada particular para esta obra, que nos advirte que por riba das nosas cabezas hai unha beleza na que cómpre reparar”. Asinan as imaxes do libro Óscar Blanco, Ana García, Daniel Llamas, Daniel Lois, Alfredo Madrigal, Pablo M. Alemparte, Fernando Rey, Ángel R. Arós e Alba Rodríguez.

En opinión de Jorge Mira esta é “a primeira obra na que se simboliza o labor dunha xeración única de fotógrafos e fotógrafas do ceo”, polo que considera a publicación do libro como “o símbolo do nacemento desta xeración” como colectivo. Un grupo de persoas aos que cualificou como un “ prodixio tecnolóxico dotados dunha gran competencia técnica”. Inicialmente presentada en versión galegas, o libro terá no futuro versións en castelán, inglés e portugués.

En formato dixital, o libro presentouse no transcurso dunha rolda de prensa na que tamén participaron a vicerreitora de Comunicación, Cultura e Servizos, Mar Lorenzo Moledo; o director do Servizo de Publicacións, Juan Blanco Valdés; e Óscar Blanco en representación dos fotógrafos que presentan os seus traballo na obra. Blanco, en representación do cadro de co autores, reivindicou Na procura da noite como unha chamada de atención sobre o valor do ceo como paisaxe pola súa extraordinaria beleza e como un recordatorio de que formamos parte dun sistema composto por millóns de estrelas, nebulosas e astros.

De esquerda a dereita, Jorge Mira, Mar Lorenzo, Óscar Blanco e Juan Blanco. Foto: RQ

Os contidos desta páxina actualizáronse o 18.07.2018.