Ir o contido principal

A USC elaborará un censo de universitarios con discapacidade para a súa adecuada atención

Comeza a traballar a Cátedra Pastora Campos Goldner de Atención á Diversidade

A USC comezou a facer os trámites e xestións oportunos para elaborar un censo propio de persoas con discapacidade e así coñecer as necesidades e os recursos existentes para a súa adecuada atención. Trátase da primeira acción a desenvolver pola Cátedra Pastora Campos Goldner para a Atención á Diversidade que se presentou hoxe en Fonseca, nun acto no que participaron os vicerreitores de Relacións Institucionais e de Comunidade Universitaria e Compromiso Social, Lourenzo Fernández Prieto e José M. Mayan Santos, respectivamente.

A institución compostelá considera prioritaria a atención integral ás persoas, en especial ao alumnado, con diversidade funcional “en aras de lograr a igualdade efectiva de oportunidades”, manifestou o director da nova cátedra, o profesor da USC José María Riobó. “Unha igualdade hoxe inexistente se facemos caso do Instituto Nacional de Estatística, que di que só un 5% da poboación con discapacidade chega á Universidade”, denunciou.
Neste marco nace esta cátedra institucional, “como instrumento que complementa os servizos xa existentes na USC e que permite a ampliación dos seus obxectivos e posibilidades”, sinalou Riobó. A universidade compostelá foi pioneira en España de moitas accións de atención á diversidade como serían, por exemplo, a elaboración duns protocolos de actuación. Agora, coa elaboración dun censo propio, e tamén co contacto con centros galegos de educación secundaria, preténdese coñecer as necesidades e, deste xeito, poder prever as adaptacións curriculares. Segundo o coordinador do Servizo de Integración e Participación Universitaria da USC, Javier Agrafojo, foron preto de 200 os estudantes que este curso solicitaron a matrícula de balde por teren algún tipo de discapacidade.
Favorecer a integración Constituída coa colaboración da Fundación do mesmo nome, a Cátedra busca fomentar a participación dos estudantes con necesidades específicas derivadas de discapacidade, favorecer a integración de persoas con diversidade funcional na comunidade universitaria e incentivar programas de investigación que avalíen a necesidade de posibles adaptacións curriculares, itinerarios ou estudos alternativos.
Para conseguir todos estes fins está previsto ofrecer atención integral ao estudante con diversidade funcional mediante a xestión dos apoios necesarios de tipo técnico ou persoal para a súa plena integración na vida universitaria e pór en marcha a figura do coordinador de centro para a discapacidade, que axilice as xestións e permita unha adecuada atención aos afectados. No mesmo senso, asesorarase ao persoal de administración e servizos e ao docente e investigador na adecuada atención deses estudantes. Por último, crearanse bolsas para alumnos que colaboren na integración dos seus compañeiros con discapacidade.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 10.02.2009.