A USC, coa eliminación da violencia contra as mulleres
A conmemoración do Día Internacional para a Eliminación da Violencia contras as Mulleres este mércores 25 na USC agrupou unha serie de iniciativas que chaman a atención sobre un fenómeno ao que a Organización de Nacións Unidas se ten referido como a forma máis “extrema da desigualdade global e sistémica que sofren as mulleres e as nenas. Non coñece fronteiras xeográficas, culturais nin socioeconómicas”. Segundo datos desta organización, “en todo o mundo, unha de cada tres mulleres será obxecto de violencia física ou sexual nalgún momento da súa vida, en formas que van dende a violación e a violencia doméstica ata a intimidación e o acoso no traballo e en Internet”.
A xornada arrancou na Universidade de Santiago coa inauguración do programa de Concienciación e Prevención da Violencia de Xénero nos sete campus universitarios da Secretaría Xeral da Igualdade. Nunha sesión na Biblioteca Concepción Arenal inauguraron o punto informativo deste programa os reitores das universidades de Santiago e A Coruña, Juan Viaño e Xosé Luis Armesto, a vicerreitora de Estudantes da Universidade de Vigo, Dolores González, e o vicepresidente e conselleiro de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza, Alfonso Rueda Valenzuela, e unha representación de Abanca e El Corte Inglés, como entidades colaboradoras.
A inauguración celebrada no campus compostelán marca o inicio dun percorrido destas unidades informativas polos sete campus universitarios galegos que porá o foco de atención nun problema social “ao que non podemos volver as costas” sinalou Juan Viaño. O reitor compostelán reafirmou a colaboración da universidade para “combater esta lacra cun firme compromiso público de tolerancia cero, tendo en conta o noso papel fundamental na formación en valores das novas xeracións”.
Na liña deste mesmo argumento, Xosé Luis Armesto afirmou que a violencia machista afonda a discriminación na sociedade e nese ámbito “as universidades teñen o compromiso de educar en valores” . Sobre o papel das universidades fronte esta problemática social, Dolores González apuntou o papel destas institucións como “espazos de cambio, tamén de cambios sociais”. Na súa opinión, “as universidades teñen o compromiso de contribuír á construción dun mundo máis xusto e solidario”.
Máis alá da significación e da necesidade reivindicativa da xornada do 25 de novembro, Alfonso Rueda fixo un chamamento a prol do traballo continuado contra a desigualdade “durante todos os días do ano”, porque “a violencia é un problema que nos avergoña a todos”. En representación das entidades colaboradoras, Patricia Blanco, de El Corte Inglés, identificou o significado do acto coa propia cultura de compromiso da súa empresa, mentres que Tatiana Suárez, de Abanca, felicitou ás institucións promotoras da iniciativa e mostrou a honra e satisfacción da entidade bancaria por ser partícipes.
Ademais de entregar material informativo e xestionar consultas, neste punto de atención as persoas interesadas poden deixar constancia da súa reivindicación en forma de foto coa campaña ‘Un selfie contra o mal amor’. O punto estará dispoñible posteriormente na Facultade de Ciencias Económicas e Empresariais de Santiago, o xoves 26, e na Facultade de Formación do Profesorado do Campus de Lugo o luns 30.
Acto institucional
Na Sala de Profesores da Facultade de Xeografía e Historia, o acto institucional desta xornada reivindicativa presidiuno a vicerreitora de Estudantes, Cultura e Responsabilidade Social, Dolores Álvarez Pérez, xunto a quen tamén interveu a secretaria xeral da Igualdade Susana López Abella, coa asistencia do decano do centro Juan Monterroso e o director do Servizo de Publicacións, Juan L. Blanco Valdés.
Na sesión presentouse a segunda edición do libro 7 relatos curtos contra a violencia de xénero, do que son autores Miguel Cavadas Docampo, Andrea Oca Domínguez, María González Blanco, Noemí Pereira Ares, Noelia Gómez Calvo, María Alonso Espasandín e Adriana Costoya Rodríguez. O volume recolle os textos premiados e finalistas do segundo Concurso de Relatos Curtos contra a Violencia de Xénero. Na mesma sesión tamén se entregaron os premios correspondentes ao II Concurso de Lemas contra a violencia de xénero que recaeron en Ana María Gil Rey, do Colexio Maior Rodríguez Cadarso, e en Patricia Jorganes Villanueva, da Residencia Universitaria Jesús Bay y Gay.
A continuación, o director da Unidade de Psicoloxía Forense da USC, Ramón Arce Fernández, deu lectura á declaración institucional de rexeitamento á violencia de xénero. Nela, apúntase que “a violencia de xénero non coñece de lingua, de territorios, de culturas, pero si de quen a exerce, o home sobre a muller, especificamente sobre a súa propia parella. É xa que logo, cousa de homes contra mulleres. Agora ben, non son os homes, senón algúns homes”. Engade que “a maioría dos homes non son violentos contra a muller, pero non exercer a violencia non é suficiente”.
O documento reivindica que “a total erradicación da violencia de xénero só se alcanzará se os varóns se enfrontan directamente en todos os sentidos cos agresores. Ata o momento, este paso á fronte foi máis ben tímido. Por iso é esixible aos homes, como colectivo, un paso cara adiante decidido fronte aos maltratadores, como símbolo atávico”.
Como remate do acto, o público asistente uniuse á marcha do 25N que organizou estudantado da titulación de grao en Educación Social. A marcha percorreu diversos puntos de Campus Vida dirixida a toda a comunidade universitaria, a quen se convidou a participar levando vestimenta de cor negra ou tons escuros.
C ampus de Lugo
A residencia universitaria Jesús Bal y Gay do campus de Lugo da USC sumouse á celebración do Día Internacional para a eliminación da violencia contra as mulleres coa organización do relatorio ‘Violencia contra a muller. Contos con final feliz?’, a cargo da especialista en intervencións sociais profesionais e co fundadora da asociación Bonhomía, Fanny Sánchez, quen fixo unha reflexión crítica sobre a implicación dos elementos culturais e socializadores da nosa infancia no actual exercicio da violencia sobre a muller.
Este acto reivindicativo a prol da eliminación da violencia de xénero, no que participaron a vicerreitora de Servizos Culturais do campus de Lugo, Carme Silva, así como da directora da residencia universitaria do campus de Lugo, Paula Vázquez, e da responsable do Servizo de Participación e Integración Universitaria da USC na sede luguesa, Fátima Teixeiro, tamén serviu para distinguir á estudante Patricia Jorganes Villanueva, autora do lema ‘Cero tolerancia, cero dezaseis’. Este eslogan é un dos premiados na segunda edición do concurso de lemas contra a violencia de xénero, un certame organizado pola Oficina de Igualdade de Xénero da USC.
En primeiro termo, as autoras e o autor de 7 relatos curtos contra a violencia de xénero xunto coas autoridades que acudiron ao acto. Foto: Servimav-USC A marcha contra a violencia de xénero transcorreu polo Campus Vida (Foto: Santi Alvite) Patricia Jorganes Jorganes, primeira pola esquerda, recibiu o premio do II Concurso de Lemas, co texto 'Cero tolerancia, cero dezaseis' As autoridades fixéronse un selfie 'contra o mal amor' na Concepción Arenal (Foto: Santi Alvite)