USC e a empresa Nemotec suman forzas para mellorar a formación en odontoloxía dixital integral
O curso de especialización en Odontoloxía Dixital Integral que oferta a USC dentro da súa programación de posgrao propia, pretende, entre outros aspectos, que o alumnado adquira competencias nos diferentes softwares que operan neste ámbito, así como nas súas aplicacións clínicas. Baixo esta premisa, a USC acaba de asinar un convenio de colaboración coa empresa de desenvolvemento e comercialización de programas informáticos orientados ao sector médico e odontolóxico Nemotec. En virtude deste acordo, a USC poderá empregar o software NemoStudio e os seus módulos derivados na formación do alumnado deste título propio da Universidade.
NemoStudio emprega a intelixencia artificial e o big data no diagnóstico médico e na preparación dos casos. Este software é unha máquina intelixente que interpreta, fai cálculos e axuda ao doutor/a e técnicos de laboratorio na súa práctica diaria en todas as áreas da odontoloxía. O acordo entre USC e Nemotec renovarase por períodos sucesivos dun ano, cunha duración máxima de catro anos. Asemade, tanto alumando como persoal docente terán acceso á ferramenta de formación en liña continuada NemoUniversity.
Adquirir coñecemento dos fluxos dixitais e das súas indicacións na clínica e no laboratorio, así como aprender a usar de xeito avanzado estes dispositivos e equipamentos, son metas do curso de especialización en Odontoloxía Dixital Integral da Universidade.