A USC engade a súa oferta cultural un Espazo de Cámara, formado por músicos da comunidade universitaria

A Universidade de Santiago conta dende este mércores cunha nova oferta cultural. Trátase do Espazo de Cámara, creado a comezos deste curso co obxectivo de achegar a oportunidade aos mozos e mozas da USC que teñen formación instrumental de continuar nesta faceta e desenvolver a práctica adquirida anteriormente e facer música en grupo. O Espazo de Cámara abordará un variado repertorio clásico, comezando por un pequeno grupo de corda, que se presenta este mércores, 13 de abril, por primeira vez nun concerto público. Será na Igrexa da Universidade, a partir das 20:30 horas, con entrada de balde ata completar aforo. A formación instrumental, dirixida por Mario Otero Diz, ofrecerá ao público obras de Sibelius, Svendsen, Grieg, Chaikovski e Castro Chané. Nun futuro, o Espazo de Cámara ten previsto ampliar a súa formación con instrumentos de vento, traballando aspectos básicos da música de cámara e orquestral. Mario Otero Diz, o director do espazo, especializouse na ensinanza do violín nas idades temperáns onde actualmente está a traballar na composición dun método propio. Participou en numerosos proxectos de índole didáctico para diferentes concellos galegos, destacando innovacións na metodoloxía empregada na aplicación activa do concerto didáctico. Traballa tamén neste campo como coordinador didáctico do ciclo Música Animada do MACUF, así como realizando diversas propostas educativo-musicais para o Departamento de Educación do Concello de Santiago de Compostela. Actualmente compaxina a súa faceta de profesor na especialidade de violín e viola na Escola Municipal de Música de Santiago de Compostela da que ademais é membro do equipo directivo coa actividade concertÍstica en música de cámara.