A USC, Entidade Educativa 2020 máis destacada na V Gala do Deporte do Concello de Santiago

A V Gala do Deporte do Concello de Santiago acaba de recoñecer a USC como a Entidade Educativa 2020 máis destacada. Este premio ten unha singular relevancia para a Universidade por ser unha distinción aos valores do deporte no ámbito educativo, tanto internamente como no resto do concello e a súa contorna.
Na recollida do galardón, o reitor Antonio López salientou a importancia do deporte para o fomento dunha vida saudable. Asemade fixo mención ao traballo da USC na promoción da actividade deportiva, non só entre os membros da comunidade universitaria, senón tamén ao labor que se fai desde a Institución para acoller a persoas alleas á mesma.
O persoal do Servizo de Deportes mostrouse “moi satisfeito por este recoñecemento” e agradécelle a todas aquela persoas que conforman a comunidade deportiva da USC, a súa participación nas actividades dirixidas e na práctica libre. “Sen eles o esforzo realizado sería estéril”, destacaron.
