A USC entrega o luns os primeiros Suplementos Europeos ao Título de graos e mestrados de Galicia
O reitor da Universidade de Santiago, Juan Viaño, e a decana da Facultade de Matemáticas, Victoria Otero, entregarán este luns 12 os Suplementos Europeos ao Título (SET) correspondentes aos estudantes dese centro, por ser no seu día o grao de Matemáticas unha das primeiras titulacións da USC en implantar o sistema do Espazo Europeo de Educación Superior (EEES). O acto será ás 11.30 horas no Salón de Graos do Colexio de San Xerome.
O Suplemento Europeo a Título é un documento informativo e complementario do título universitario que describe a natureza e rango do título e desglosa polo miúdo as capacidades e coñecementos adquiridos polo estudante así como o seu expediente. Trátase dun elemento administrativo de vital importancia por ser o documento europeo acreditativo dos estudos cursados con validez en todo o EEES.
A USC é así a primeira universidade galega que expide este documento, xa adaptado á nova configuración de títulos universitarios (graos e mestrados) e que supón un gran paso para a mobilidade, toda vez que ata hai pouco na UE o recoñecemento entre países requiría de complexos trámites tales como lexitimación de sinaturas ou a chamada ‘Apostilla de La Haya’. A compostelá xa fora tamén no seu día a primeira universidade en entregar os SET a licenciados e licenciadas.