Ir o contido principal

A USC entregou os diplomas aos alumnos do curso piloto do Proxecto E-Hospital de desenvolvemento dun sistema de e-learning para adultos hospitalizados de longa duración

A experiencia, levada a cabo na Unidade de Lesionados Medulares do Canalejo, forma parte dun proxecto europeo que lidera en España a USC xunto co Cesga

O Grupo de investigación de Tecnoloxía Educativa da USC dirixido por Carmen Fernández Morante, xunto co Departamento de e-learning do Cesga, lidera en España o Proxecto europeo E-Hospital que ten como obxecto o deseño e experimentación dun sistema de e-learning para adultos hospitalizados de longa duración e o desenvolvemento dun manual de boas prácticas de educación hospitalaria.
Para este proxecto, a USC desenvolveu un Curso Básico de Alfabetización Dixital en formato multimedia e creou o título de formación continua ‘E-hospital: Alfabetización dixital básica’ cuxo primeiro curso realizaron dez pacientes hospitalizados na Unidade de Lesionados Medulares do Hospital Juan Canalejo.
Precisamente os alumnos deste curso piloto recolleron este martes os seus diplomas nun acto celebrado en San Xerome ao que asistiron o reitor Senén Barro; o director do Instituto de Ciencias da Educación, Xosé Cajide; o director xerente do Cesga, Javier García Tobío; e o director xerente do Complexo Hospitalario Juan Canalejo, José Manuel García.
O curso desenvolvido por este equipo da USC -e os futuros que amplíen a oferta do proxecto e-hospital- foi valorado polos pacientes da experiencia piloto como unha proposta formativa útil para a súa actualización profesional e, no caso específico dos pacientes con lesión medular, para a súa reinserción laboral, tendo en conta que determinados perfís de pacientes ao rematar a convalecencia deben refacer a súa vida incluíndo o cambio de ocupación laboral en moitos casos.
Unha vez validado o sistema e en función dos resultados obtidos, a USC comeza agora a fase de extensión coa intención de transferir os resultados á rede pública galega de hospitais, que terán a posibilidade de introducir este sistema de e-learning e ofrecer aos seus pacientes durante a convalecencia un servizo formativo acreditado pola USC mediante títulos oficiais de Formación continua.
A USC en E-HospitalA contribución específica da USC e o Cesga -os socios españois de E-Hospital- ao proxecto europeo foi o deseño dun sistema de e-learning baseado en software libre e a metodoloxía didáctica dos cursos aplicada en todos os países que xa experimentaron con diferentes pacientes e hospitais.
O equipo responsable da USC que dirixe Carmen Fernández Morante está composto ademais por Beatriz Cebreiro López, Mery Muñoz Cadavid e Isabel Porto Golpe, e os investigadores en formación Olga Martínez Cancelas, Rubén Anxedes Pérez e Juana Casado Valenzuela.
A proposta formativa da USC persegue ofrecer formación a pacientes e inicialos en actividades de e-learning que lles permitan adquirir destrezas para a súa formación ao longo da súa vida, así como axudarlles a través dunha comunidade virtual a vencer o illamento que pode implicar a ruptura coa súa vida social e laboral o período de convalecencia. Ademais, nestes cursos proporciónanse coñecementos básicos sobre servizos administrativos en Internet (e-goberno).

Os contidos desta páxina actualizáronse o 04.12.2007.