A USC estrea a Cátedra Rosalía de Castro para potenciar o estudo académico e crítico da súa obra e figura
A Cátedra Institucional Rosalía de Castro iniciou a súa andaina este venres cun acto no Salón Nobre do Colexio de Fonseca presidido polo reitor Antonio López, no que tamén se lle concedeu a Insignia de Ouro da USC á profesora emérita da Universidade de Londres Catherine Davies. A Cátedra dedicarase ao estudo académico e crítico da obra e da figura de Rosalía nas súas múltiples dimensións, buscando reforzar a súa proxección e coñecemento tanto no ámbito galego e peninsular como internacional, aspecto que salientou o reitor, quen cualificou a escritora como “figura senlleira”.
Xurdida como froito dun convenio co Parlamento de Galicia e a Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude, terá como prioridade promover achegas sobre a autora dende perspectivas e paradigmas renovadores, pero sen esquecer a atención a aspectos máis tradicionalmente filolóxicos, como o coñecemento crítico da obra e da figura da escritora en todos os seus aspectos, así como fomentar edicións do conxunto da súa produción, sen descartar posibles textos inéditos. Tal como lembrou o codirector da Cátedra, o profesor da USC Fernando Cabo, xa se deron os primeiros pasos coa participación en congresos e seminarios para difundir aínda máis a obra dunha “escritora de primeira magnitude” e de “relevancia cada vez máis innegable”, aínda que paradoxalmente “nunca puido matricularse na USC” por estar prohibido ás mulleres naquela época.
Pola súa banda, o secretario xeral da Lingua, Valentín García, subliñou que a creación da Cátedra é “un momento histórico” e valorou que todo o mundo coñece a figura de Rosalía, “e cando falamos de cultura galega a primeira na que pensamos é en Rosalía”.
Na Cátedra potenciaranse Rosalía de Castro e a súa obra como elementos dinamizadores das concepcións máis tradicionais referidas á historia literaria, á literatura nacional, aos xéneros literarios e á relación entre escritura e territorio ou entre escritura e identidade de xénero. Tamén se afondará no estudo da significación de Rosalía desde a perspectiva da memoria pública e promoverase a realización de cartografías e outro tipo de achegas, nas que o territorio da provincia da Coruña terá por forza un protagonismo destacado.
Ademais organizaranse actividades de fomento do desenvolvemento local na xeografía vital da autora, en particular na vila de Padrón e a súa contorna (Dodro, Ames...) e nas cidades de Compostela e A Coruña; dinamizaranse iniciativas e facilitaranse colaboracións con entidades relacionadas coa traxectoria, o pensamento e a obra a escritora, así como coas dedicadas a outras figuras canónicas (Pondal, Pardo Bazán ou Curros Enríquez), de modo que o foco abranga a literatura e sociedade do século XIX en toda a súa complexidade; colaborarase na realización de iniciativas doutras entidades e realizaranse tarefas de divulgación a través da rede e de actividades como exposicións, coloquios e outras manifestacións públicas.
Insignia de Ouro
No mesmo acto de inauguración recibiu a Insignia de Ouro da USC Catherine Davies, quen é na actualidade profesora emérita da Universidade de Londres, cargo co que culmina unha longa carreira académica nas universidades de St Andrews, Manchester, Nottingham e Queen Mary; o seu labor investigador céntrase na historia cultural e literaria de España e Hispanoamérica nos séculos XIX e XX. Davies foi presentada pola directora da Cátedra, a profesora da USC María do Cebreiro Rábade Villar, como unha investigadora que puxo o foco sobre aspectos pouco estudados da obra de Rosalía, coma o posible simbolismo feminista das botas azuis da novela ‘El caballero de las botas azules’ ou mesmo a infravalorada faceta maternal da autora.
A obra e o contexto socio-ideolóxico de Rosalía de Castro constituíu unha das liñas básicas do traballo de Catherine Davies desde a realización da súa tese de doutoramento, que defendeu na Universidade de Glasgow en 1984; tres anos máis tarde e coa mediación de Ramón Piñeiro aparecería na editorial Galaxia a versión en galego co título Rosalía de Castro e o seu tempo, converténdose nun dos fitos dos estudos rosalianos dos nosos días. A intensa dedicación da profesora Davies á figura da autora de Follas novas, sempre tivo en conta as circunstancias de xénero que condicionaron a súa escritura e a súa figura pública; a investigadora recoñeceu en distintas ocasións que a súa aproximación a Rosalía parte dos novos horizontes de análise crítica abertos por Xesús Alonso Montero, quen culminou a súa carreira académica como profesor emérito da USC.
Tras a lectura da resolución da concesión da Insignia de Ouro pola secretaria xeral da USC, Dulce María García Mella, e a recepción da mesma, a profesora Davies pronunciou a lección 'Rosalía de Castro e Cuba', na que lembrou que a conexión fundamental coa illa caribeña é a emigración, que provoca unha despoboación “que é un problema crítico para Galicia, por iso o menciona Rosalía”. Ademais, lembrou que o seu segundo poemario, ‘Follas Novas’, foi editado en 1880 na Habana, cidade onde tamén viviu o editor de ‘Cantares Gallegos’, Juan Compañel.
Castelao e Carvalho Calero
A de Rosalía de Castro enmárcase no obxectivo da USC de crear cátedras institucionais que estuden a obra académica de ilustres autoras e autores da literatura galega. Xunto á dela, en febreiro a USC incorporou á súa rede outra dedicada a Alfonso Daniel Rodríguez Castelao, centrada na figura, o pensamento e a obra deste representante sobranceiro da cultura galeguista contemporánea, e en particular da Xeración Nós, nas súas diversas vertentes: literatura, artes, identidade, idioma, xornalismo, cidadanía, ou activismo político. Esta cátedra terá como obxectivos principais o fomento da investigación e da difusión a nivel estatal e internacional de Castelao e da cultura galeguista, promovendo iniciativas de distinto tipo (encontros, debates, conferencias, ou estudos, entre outros) e impulsando a colaboración entre institucións e con entidades da sociedade civil.
En abril aprobouse a creación da Cátedra Carvalho Calero, que abordará a figura, o pensamento e a obra dun representante sobranceiro da cultura galeguista contemporánea e primeiro catedrático de Lingüística e Literatura Galega da USC. Entre os seus cometidos estarán a promoción e o estudo da literatura galega contemporánea, en continuidade das directrices do seu patrocinador intelectual, potenciando así o interese pola lectura e a escritura en galego, apoiando a nova creación, e estando atenta á análise das ideas sobre a Literatura e Cultura actuais, co desenvolvemento de modelos de innovación en educación, investigación e divulgación científica e cultural.