Ir o contido principal

A USC estrea o seu Laboratorio de Radiofísica

De esquerda a dereita, Sonia Martínez, Senén Barro, Faustino Gómez e Antonio Brosed
De esquerda a dereita, Sonia Martínez, Senén Barro, Faustino Gómez e Antonio Brosed
Trátase da primeira universidade de España cunhas instalacións destas características

O Laboratorio de Radiofísica da USC inaugurou as súas instalacións este mércores nun acto que presidiu o reitor compostelán Senén Barro na Facultade de Física e no que tamén interviñeron a directora de Xestión da Investigación, Sonia Martínez; e o director do Laboratorio, o profesor Faustino Gómez.
Esta inauguración culmina un proceso iniciado no ano 2002 cando, da man do grupo de investigación de Radiofísica, xorde a idea de crear este Laboratorio, primeiro das súas características instalado nunha universidade española.
O edificio que acubilla o Laboratorio componse dun búnker de formigón de sesenta metros cadrados no que se instala unha unidade de cobalto e dun laboratorio anexo doutros setenta metros cadrados. A nova instalación está formulada como un servizo de irradiación, aberto ao resto da comunidade universitaria así como a usuarios de fóra dela.
As principais áreas nas que traballarán estas instalacións son a radioterapia con animais e I+D en oncoloxía; calibración de cámaras de radioterapia para coñecer as doses exactas nos tratamentos oncolóxicos; tratamento e test de materiais, blindaxes, esterilización ou banalización; así como para a elaboración de test de radicación para compoñentes de electrónica aeroespacial.
Logo de entregarlle un obsequio ao xefe do Servizo de Radiofísica e Protección Radiolóxica do centro Radiolóxico de Galicia en recoñecemento á súa traxectoria profesional, o profesor Antonio Brosed Serreta pronunciou a conferencia ‘A metroloxía, base da calidade en radioterapia’.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 15.07.2009.