Ir o contido principal

A USC estrea a súa Medalla de Mecenas coa Fundación Barrié de la Maza

A Universidade de Santiago entregou este mércores 16 a súa primeira Medalla de Mecenas, outorgada á Fundación Barrié de la Maza, iniciando deste xeito unha serie de distincións ás persoas física ou xurídicas que de forma desinteresada teñan feito doazóns ou achegas de bens de excepcional interese científico, cultural, patrimonial ou económico á Universidade de Santiago. A imposición desta Medalla celebrouse no Salón Nobre do Colexio de Fonseca coa intervención do reitor Senén Barro e do presidente da Fundación Barrié de la Maza, José Mª Arias Mosquera.
Con este recoñecemento á figura dos mecenas, a USC quere brindar un recoñecemento público a aquelas persoas físicas e xurídicas que de forma desinteresada colaboran coa universidade compostelá, realizando achegas puntuais ou acumuladas de excepcional valor para o desenvolvemento dos fins da universidade. A Medalla abre “unha nova historia no longo e sen fin camiño dunha institución que encara xa os seus 515 anos de vida”, resaltou Senén Barro.
A súa concesión á Fundación Barrié de la Maza, unhas das máis importantes de Europa polo seu patrimonio e traxectoria, quere reafirmar a “importante contribución feita pola Fundación a prol da USC no ámbito das infraestruturas, a conservación do patrimonio histórico e artístico, os servizos, o apoio á docencia e á investigación ou á cultura.
A través da Fundación, proseguiu o reitor compostelán, “don Pedro Barrié de la Maza quixo loitar polo progreso económico, social e cultural de Galicia dende unha perspectiva global e facelo para sempre. Cunha visión certamente adiantada do seu tempo, os obxectivos da Fundación insisten en promover, fomentar e soster a investigación”.
Xustamente, a promoción da investigación cobra, segundo Barro, unha papel de necesidade se “queremos apostar polos progreso económico e social de Galicia. Neste senso, apelou o reitor compostelán por “empeñarnos en sermos donos plenipotenciarios da nosa riqueza natural e humana e poder así posuír o noso futuro”. A Universidade “non pode aspirar a outra cousa e o resto da sociedade e os seus axentes económicos, políticos e sociais non deben”, engadiu.
Na aceptación da Medalla, o presidente da Fundación e de Banco Pastor comezou destacando a educación como valor para a construción e o avance dunha sociedade convencido de que “a mellora na educación é a condición necesaria para superar as desigualdades e conseguir a prosperidade”.
Unha reflexión arredor da competitividade, a responsabilidade e o liderado, foron os eixos que centraron o discurso de José Mª Arias Mosquera. Neste senso, “aqueles países que eduquen mellor serán os que nos superarán en competitividade no futuro máis inmediato” e nesta liña, tanto a Fundación que preside como a propia USC “compartimos unha gran responsabilidade e un gran reto”.
Pilar clave da competitividade e da educación, Arias Mosquera apelou á responsabilidade referíndose deste xeito “ao compromiso, ao sentido do deber, a non escatimar esforzos de cara ao cumprimento das obrigas”. Neste senso, engadiu que o desenvolvemento do talento “é unha responsabilidade de todos, unha ‘responsabilidade compartida’ pola administración, as universidades, as empresas, os pais e as comunidades escolares e por cada galego que debe perseguir a excelencia na súa propia formación”. Neste contexto, o presidente da Fundación reclamou un exercicio de responsabilidade individual na procura da excelencia, apelando “á responsabilidade de cada individuo consigo mesmo” polo convencemento de que “é a educación a que confire criterio e liberdade ás persoas”.
O liderado foi o terceiro eixo sobre o que baseou a súa intervención José Mª Arias, “o liderado que imaxinamos para Galicia e para os galegos é aquel que sabe mira cara ao pasado para aprender de el e que despois analiza o futuro dende diferentes perspectivas”. Esta intervención rematou cunha mención e recordo á memoria de Carmela Arias, de quen subliñou que “o seu exemplo guiará a nosa traxectoria ante os novos retos que temos por diante”.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 16.12.2009.