A USC estuda o labor das comisións de monumentos históricos na recuperación de bens culturais afectados pola desamortización
A USC analiza e estuda a traxectoria e as achegas realizadas polas comisións provinciais de monumentos históricos e artísticos de Galicia entre 1836 e 1936 e reconstrúe o cometido destes colectivos na recuperación de bens culturais afectados pola desamortización nunha tese de doutoramento desenvolvida pola licenciada en Historia Ana Cruz Martínez Rodríguez baixo a dirección do catedrático de Arqueoloxía da USC Fernando Acuña Castroviejo e a tamén profesora do Departamento de Historia d USC Raquel Casal García Sala.
A tese de doutoramento ‘As Comisións Provinciais de Monumentos Históricos e Artísticos de Galicia, 1836-1936’, recupera para a memoria as achegas destas descoñecidas e lonxevas corporacións que, durante un século, actuaron a nivel provincial como brazos executores da política gubernamental no relativo á xestión do patrimonio cultural, unha acción estreitamente ligada á sorte de monumentos e vestixios arqueolóxicos e artísticos de Galicia. A investigación recollida por Ana Cruz Martínez na súa tese de doutoramento permite tamén por en valor o labor que as comisións de monumentos galegas realizaron coa achega dun volume inxente de modestas actuacións que, tomadas no seu conxunto, conforman unha meritoria contribución á conservación valorización do patrimonio histórico, artístico, arqueolóxico e documental de Galicia. A pesares das cuantiosas achegas realizadas por estas comisións, a súa historia está tamén marcada por períodos escuros, de ralentización da actividade, de actuacións desafortunadas… Aínda así, unha análise contextualizada permite comprender estas circunstancias no marco da precariedade da política cultural e institucional que condicionaron a súa eficacia e o seu funcionamento. A falta de documentación propia destas corporacións dificultou o seu estudo por parte desta investigadora compostelá, que tratou de cubrir este baleiro coa abundante correspondencia que intercambiaron as citadas corporacións coas institucións das cales dependeron: a Comisión Central, a Real Academia da Historia e a Real Academia de Belas Artes de San Fernando. Estas fontes compleméntanse coas noticias obtidas dos xornais, revistas e boletíns que deron eco das actuacións dos comisionados galegos. A ordenación de toda a documentación recollida e que agora a USC compila de xeito estruturado nesta tese de doutoramento contribúe de xeito significativo a reconstruír a participación das comisións de monumentos galegas na recuperación dos bens culturais afectados polos procesos de desamortización. Ana Cruz Martínez achega tamén na súa tese de doutoramento unha visión detallada sobre a defensa realizadas por estes colectivos dos monumentos ante as agresións da expansión urbana, ao tempo que dá a coñecer a súa contribución á formación do xerme dos museos provinciais galegos. Avaliar a participación destas comisións provinciais e a promoción de escavacións arqueolóxica, así como a recuperación de vestixios arqueolóxicos, a defensa activa da Muralla de Lugo, a supervisión das reparacións dos edificios monumentais ou a instrución de expedientes de Declaracións de Monumentos son outras das achegas que fai Martínez Rodríguez na súa tese. Este estudo das comisións provinciais de monumentos históricos e artísticos de Galicia, permite asemade recuperar a memoria dun amplo colectivo de eruditos integrados nas citadas comisións. A eles, sostén a investigadora, débese a defensa e conservación dos bens culturais, un labor que afrontaron con escasos apoios e una carencia case absoluta de medios. Grazas ao seu celo, conclúe Martínez Rodríguez, Galicia pode gozar hoxe da Muralla de Lugo, do Mosteiro de Oseira, de Santo Domingo de Pontevedra, Santa María de Azogue e Santa Comba de Bande, entre tantos edificios agredidos polo abandono e o progreso. Tribunal avaliador e cualificación O catedrático de Historia da Arte da USC Alfredo Manuel Vigo Trasancos presidiu o tribunal que cualificou esta tese coa máxima cualificación de sobresaínte cum laude. A profesora da Autónoma de Madrid Gloria Mora Rodríguez; Concepción Varela Orol, da Universidade da Coruña; o fiscal Antonio Roma Valdés e a tamén profesora da USC Pilar Prieto Martínez completan a relación de membros dun tribunal.