A USC expón a súa oferta de estudos aos 109 maiores de 25 anos que superaron as probas de acceso á universidade

A Universidade de Santiago celebrou este venres 15 no Salón Nobre de Fonseca un acto de recoñecemento e benvida aos estudantes maiores de 25 e 45 anos que superaron as probas de acceso a universidade en Galicia durante a última convocatoria. Un total de 109 persoas conseguiron pasar a proba, dos que o 21% superan os 45 anos. Na recepción, que estivo presidida polo reitor Juan Casares, o coordinador do programa ‘A Ponte entre o Ensino Medio e a USC’, Luís Hervella, explicoulle aos asistentes a oferta de estudos, a convocatoria de bolsas, residencias e ofertas culturais e lúdicas coas que conta a Universidade de Santiago. Tamén felicitaron aos asistentes os representantes da USC na CiUG, Jaime Romero López-Grado e o presidente do tribunal único Ramón Bravo Quintas. No transcurso do acto, os alumnos recibiron diplomas acreditativos e tamén coñeceron de primeira man a experiencia do estudante Iván Varela que está matriculado no Grao de Xornalismo despois de superar as probas de acceso á universidade na anterior convocatoria. As persoas maiores de 25 e 45 anos de idade, poden acceder a ensinanzas universitarias oficiais de Grao mediante a superación dunha proba de acceso. Soamente poderán concorrer á devandita proba, as persoas que cumpran os 25 anos de idade antes do día 1 de outubro do ano natural no que se celebre a proba. A Proba de Acceso á Universidade estruturarase en dúas Fases: Xeral e Específica. A Xeral terá como obxectivo apreciar a madurez e idoneidade dos candidatos/as para seguiren con éxito estudos universitarios, así como a súa capacidade de razoamento e de expresión escrita. A Específicaterá por finalidade valorar as habilidades, capacidades e aptitudes dos candidatos/as para cursaren con éxito as diferentes ensinanzas universitarias vinculadas a cada unha das ramas do coñecemento en torno as que se organizan os estudos universitarios oficiais de Grao.