Ir o contido principal

A USC exporta a Latinoamérica o seu modelo de docencia e investigación no campo dos trastornos do desenvolvemento na infancia

Estudan casos de autismo, síndrome de Down ou bullying, entre outros

A presidenta da Asociación Galega para a Docencia e Investigación sobre o Retraso Mental (A.Ga.D.I.R) e profesora da Facultade de Psicoloxía da USC, María José Buceta, visitará Bolivia esta semana para dar a coñecer o traballo que dende hai quince anos leva a asociación, en colaboración coa Universidade compostelá.
Ao longo de todo este tempo, un equipo multiprofesional do ámbito social, educativo e psicolóxico conseguiu unir a docencia, a investigación e a atención aos usuarios, no seo da Universidade, para dar servizo aos menores que presentan algún tipo de trastorno no seu desenvolvemento ou ben teñen o risco de padecelo. A estimulación precoz e tratamento de nenos con deficiencia mental; a atención temperá nos trastornos do desenvolvemento e intervención familiar, así como labores específicos de atención ao adolescente e ao adulto discapacitado son os seus piares de actuación.
Tras o éxito da experiencia na USC -que xa se adoptou noutras tres universidades do territorio nacional-, a profesora María José Buceta dará a coñecer o modelo de docencia e investigación no campo da deficiencia mental na Universidade Maior de San Simón e na Universidade Católica Boliviana San Pablo.
Un traballo centrado na docenciaO éxito do modelo radica no traballo multiprofesional dos especialistas que conseguiron que a docencia, a investigación e a atención aos usuarios fosen sempre da man. As tres unidades (de estimulación precoz, de atención temperá e de atención ao adolescente e ao adulto discapacitado) foron creadas ao redor da docencia, co fin de dar saída ás prácticas das materias Diagnóstico no Desenvolvemento e Atención Temperá, así como Intervención Psicolóxica nos Trastornos do Desenvolvemento. Do mesmo xeito, cubriuse con docencia o Practicum de Psicoloxía e colabórase co de Psicopedagoxía.
O mesmo equipo leva a cabo as prácticas do Máster de Intervención en Trastornos do Desenvolvemento e Atención Temperá que, coa fin de proporcionar formación adecuada a estes profesionais, hai máis de nove anos emprendeu o Departamento de Psicoloxía Evolutiva e da Educación da Facultade de Psicoloxía. O posgrao estuda os diferentes tipos de trastornos do desenvolvemento (autismo, síndrome de Down, situacións de maltrato, bullyin…), así como os efectos da intervención nestes casos.
Función asistencialAdemais da súa actividade educativa e investigadora, A.Ga.D.I.R desempeña unha importante función asistencial. Dous psicólogos clínicos, tres logopedas, catro psicólogos evolutivos, tres psicopedagogos, un especialista en terapia familiar, dúas doutoras en psicoloxía e, como persoal colaborador externo, un terapeuta de xogo e un paidopsiquiatra participan na atención aos usuarios. Todos eles trataron nestes últimos dez anos a máis de 2.500 pacientes afectados por trastornos ambientais con factores de estres, exclusión social, trastornos na linguaxe ou retraso mental.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 07.03.2007.