Pesar na USC polo falecemento do catedrático Lete del Río
A Universidade de Santiago de Compostela manifesta o seu pesar polo falecemento do catedrático de Dereito Civil, José Manuel Lete del Río, lembrando ademais que foi un meritorio membro do seu claustro, destacado profesor e investigador. O falecemento do catedrático foi por mor dun accidente de tráfico que tivo lugar, o pasado luns, día 16, preto da localidade leonesa de Astorga. No mesmo accidente tamén resultaron feridos a muller de Lete del Río, Pilar Achirica, e un dos seus fillos, Javier, tamén profesor da Universidade de Santiago de Compostela, no mesmo Departamento e da mesma disciplina que o seu pai. Na Facultade de Dereito suspendéronse hoxe, martes día 17, as clases, na súa memoria.
O catedrático, Manuel Lete del Río comezou a súa traxectoria profesional na Universidade de Valladolid, onde foi profesor antes de trasladarse á Universidade de Santiago, na que se formaron os seus fillos e na que el ocupou diversos cargos de responsabilidade, entre eles, director do Departamento de Dereito Común. Lete del Río goza dun gran recoñecemento internacional, no eido do Dereito Civil, materia sobre a que ten diversos tratados de referencia en universidades de prestixio.