Pesar na USC polo falecemento do profesor José Pérez Méndez
A Universidade de Santiago de Compostela manifesta o seu pesar polo recente falecemento do profesor do Departamento de Análise Matemática da USC José Pérez Méndez. O equipo decanal da Facultade, encabezado pola súa decana Victoria Otero, e o director do Departamento, Alberto Cabada, trasladaron expresamente as condolencias á familia do que foi docente durante case dúas décadas.
José Pérez Méndez (1951, Cea-Ourense) licenciouse en Matemáticas pola USC en 1974, doutorándose na mesma Universidade en 1990. Como catedrático de Instituto impartiu docencia nas Illas Canarias, en San Fernando (Cádiz) e en San Lorenzo del Escorial (Madrid) para posteriormente facelo nas Universidades de Río de Janeiro (Brasil), Complutense de Madrid e na USC. As súas liñas de investigación centráronse no estudo das funcións de varias variables complexas.