A USC favorece a corresponsabilidade no fogar entre mulleres e homes a través do programa ‘Corresponsabilízate!’

O programa de obradoiros de supervivencia doméstica ‘Corresponsabilízate!’, impulsado pola Oficina de Igualdade de Xénero dependente da Vicerreitoría de Estudantes, Cultura e Responsabilidade Social da USC e dirixido á participación do alumnado dos colexios maiores e residencias universitarias integradas no SUR, desenvolverá o luns 19 de marzo, de 19.30 a 21.30 horas, un taller de apaños domésticos na residencia Jesús Bal y Gay do campus de Lugo.
O obxectivo do programa ‘Corresponsabilízate!’, unha iniciativa a través da que se dá cumprimento á acción 4.4. do II Plan de Igualdade de Oportunidades entre Mulleres e Homes da USC ,é o de fomentar un cambio cultural que favoreza a corresponsabilidade de homes e mulleres no desenvolvemento de tarefas básicas no fogar.
Daquela, a USC traballa a prol da corresponsabilidade, entendida como unha manifestación dos dereitos das mulleres e dos homes á libre configuración do seu tempo, ademais do reparto equitativo na asunción de tarefas domésticas e de coidado, a través de obradoiros dirixidos ao alumnado residente nos espazos de convivencia que representan os colexios maiores e residencias universitarias da USC, lugares acaídos para desenvolver accións formativas como ferramentas de deconstrución dos estereotipos de xénero.
Os obradoiros de supervivencia doméstica ‘Corresponsabilízate!’, un programa que botou andar a semana pasada no campus de Lugo cun taller de cociña de supervivencia impartido polo responsable de cociña das cafeterías ApeTéCeMe, Remo Pillado, e pola nutricionista Olga Vecín, continuarán este luns 19 cun taller de apaños domésticos. A técnica superior en Desenvolvemento de Produtos Electrónicos Lucía Pérez-Castelao será a encargada de guiar esta sesión de marcado carácter práctico e durante a que o alumnado participantes terá a oportunidade de aprender a arranxar diversos problemas ou avarías habituais nos fogares.
Esta segunda actividade do programa contará coa presenza da vicerreitora de Servizos Culturais do campus de Lugo, Carme Silva Domínguez, quen animará a todo o alumnado participante a traballar a prol da corresponsabilidade entre mulleres e homes, segundo indicou a coordinadora da Oficina de Igualdade de Xénero da USC.
Eva Aguayo adiantou asemade que, unha vez avaliados os resultados das actividades programadas na sede universitaria luguesa no marco do programa ‘Corresponsabilízate!’, a Vicerreitoría de Estudantes, Cultura e Responsabilidade Social da USC pretende programar nas vindeiras datas obradoiros de temáticas semellantes nos distintos colexios maiores e residencias universitarias localizadas nos campus de Compostela.