A USC e a Federación Galega de Fútbol desenvolverán un curso de especialización en Dereito do Deporte
O reitor Juan Viaño e o presidente da Federación Galega de Fútbol, José García Liñares, asinaron este luns 6 un convenio de colaboración para a realización dun curso de especialización en Dereito do Deporte, dirixido a titulados/as en Dereito, Ciencias Económicas, Ciencias Empresariais ou Relacións Laborais, preferentemente, e a profesionais, xestores de entidades deportivas e estudantado. A posta en marcha deste posgrao fomentará a formación e especialización de profesionais en relación coa ordenación xurídica do deporte, tanto profesional como amateur, integrando as diferentes perspectivas legais a valorar neste eido. A dirección deste título recaerá no catedrático de Dereito Financeiro e Tributario, César García Novoa, e a súa coordinación no director da Asesoría Xurídica da Federación, Ulises Bértolo, que tamén participaron no acto xunto co secretario xeral para o Deporte, José Ramón Leta Lasa. Este curso de especialización consta de 220 horas de docencia teórica e práctica, así como de conferencias de expertos en Dereito Deportivo. O curso tratará de xeito práctico os aspectos máis salientables do Dereito do Deporte, aspectos de dereito mercantil, administrativo, réxime de resolución de conflitos, ordenacións das federacións deportivas e dereito das competicións, xustiza Deportiva, dereito do traballo e dereito tributario deportivo. O programa docente impartirase na Facultade de Dereito os venres en horario de tarde e os sábados pola mañá entre xaneiro e xuño de 2015. O seu cadro de profesores está integrado, ademais de por expertos da USC e doutras universidades, por avogados e outros profesionais relacionados co dereito do deporte, maxistrados, xuíces de competición e xestores de clubs e sociedades anónimas deportivas.