A USC e a FEGAMP asinarán un convenio para a realización de prácticas profesionais
A USC e a Federación Galega de Municipios e Provincias (FEGAMP) asinarán este mércores 30 un convenio de colaboración para que alumnado da universidade compostelá poida realizar prácticas profesionais na Federación así como nos concellos galegos e deputacións que se sumen ao acordo. O reitor Juan Casares e o presidente da FEGAMP José M. Rey Varela, asinarán o convenio nun acto no Salón Reitoral do Colexio de San Xerome a partir das 12.30 horas. A FEGAMP divulgará entre os concellos e deputación galegas a existencia deste convenio coa finalidade de que oferten prazas de prácticas ao alumnado dos graos en Ciencias Políticas e Sociais, Educación Social, Pedagoxía, Traballo Social, Psicoloxía, Ciencias da Cultura e Difusión Cultural, Relacións Laborais e Recursos Humanos, Historia, Historia da Arte e en Xeografía e Ordenación do Territorio. Ademais, o acordo será extensible ao alumnado de diversos másteres universitarios sobre turismo, educación, xestión pública, desenvolvemento rexional ou xestión e dirección laboral, entre outros.