Ir o contido principal

USC e Femembalses procuran a sustentabilidade dos espazos con presenza de infraestruturas hidroeléctricas

Acto de sinatura do protocolo de colaboración entre a USC e Femembalses
Acto de sinatura do protocolo de colaboración entre a USC e Femembalses
O protocolo de colaboración serve para que o grupo de investigación Iacobus profunde na posta en valor dos territorios culturais nos que se sitúan os diferentes encoros

O protocolo de colaboración entre a USC e a Federación de Asociacións e Municipios con Centrais Hidroeléctricas e Encoros (Femembalses) serve para incentivar o coñecemento e a posta en valor dos territorios culturais nos que se sitúan os diferentes encoros. O protocolo abordouse este martes nunha xuntanza de seguimento no Colexio San Xerome, no marco do proxecto de investigación ‘Novas paisaxes Esquecidas. Auga, patrimonio e territorio cultural’, no que participan membros do grupo de investigación Iacobus da institución compostelá, xunto coas universidades de Oviedo e Estremadura. A través deste documento preténdese realizar iniciativas conxuntas para o desenvolvemento de actividades culturais, científicas, pedagóxicas, de investigación e outras que sexan de interese tanto para o equipo investigador como para a Federación.

Na xuntanza, ademais do reitor Antonio López, tomaron parte os profesores da USC Juan Monterroso e Begoña Fernández Rodríguez, investigadora principal do proxecto. Por parte de Femembalses, participaron na xuntanza o presidente, Francisco Pérez Torrecilla; a secretaria xeral, Maite Bardají Lanau; e Rosendo Fernández, tamén pertencente á Federación.

En virtude deste protocolo, preténdese levar a cabo a realización de diversas actividades que incentiven o coñecemento e a posta en valor dos territorios culturais nos que se  enclavan os diferentes encoros, á vez que xerar as sinerxías necesarias para dar pulo á sustentabilidade duns espazos determinados pola presenza de infraestruturas hidroeléctricas. Deste xeito, quérese potenciar a reactivación dos territorios no ámbito da España baleirada.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 30.11.2021.