Ir o contido principal

A USC fomenta o coñecemento e a posta en valor das formas tradicionais da cerámica de Samos

Autores e autoridades na presentación do libro sobre a cerámica tradicional de Samos, en Roxofrei
Autores e autoridades na presentación do libro sobre a cerámica tradicional de Samos, en Roxofrei
O libro ‘Formas tradicionais da cerámica popular. Samos’ inclúe achegas da Unidade de Arqueometría da USC e dos investigadores José Manuel Vázquez e Alexandre Vázquez

A USC favorece o coñecemento e conseguinte recuperación e posta en valor das formas tradicionais da cerámica de Samos a través das achegas realizadas por Óscar Lantes Suárez, da Unidade de Arqueometría da USC, así como do catedrático de Prehistoria e Etnoloxía José Manuel Vázquez Vázquez e do tamén investigador da USC Alexandre Vázquez Rodríguez e recollidas no volume ‘Formas tradicionais da cerámica popular. Samos’, un volume editado polo Centro de Artesanía e Deseño da Deputación de Lugo e que vén de presentarse no lugar samoense de Roxofrei.

A obra coordinado, por Luís Hixinio Flores Rivas e por Orlando Viveiro Veiga, afonda sobre a cerámica de Samos, que é grandemente descoñecida. Trátase dunha tradición alfareira que desapareceu a mediados do século XX e sen embargo é unha das máis singulares por posuír inscricións, coma a que reflexa a data de 1706, que da idea da antigüidade desta tradición.

O libro contén unha ampla descrición de todo o que se coñece sobre esta cerámica, desde as persoas, os lugares, as formas, a roda, os fornos, as feiras e ata os oficios. Constitúe o maior compendio de pezas (fotografadas e debuxadas) que se ten feito até o momento e por agora o único estudo arqueométrico realizado.

O volume ‘Formas tradicionais da cerámica popular. Samos’ é o resultado dunha obra colectiva que conta entre os seus autores con Óscar Lantes Suárez, da Unidade de Arqueometría da Rede de Infraestruturas de Apoio á Investigación e ao Desenvolvemento Tecnolóxico (Riaidt) da USC, que é autor do capítulo ‘Arqueometría da Cerámica Popular de Samos’. Tamén figuran entre os autores desta obra José Manuel Vázquez, catedrático de Prehistoria e Etnoloxía e o tamén investigador da USC Alexandre Vázquez Rodríguez, responsables do capítulo ‘Unha ollada etnoarqueolóxica sobre a cerámica popular de Samos: funcionalidade, simetría e complexidade social’.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 03.12.2018.