Ir o contido principal

A USC fomenta a cultura da calidade co recoñecemento das boas prácticas de oito centros

Foto de familia do reitor cos premiados e premiadas. FOTO: Santi Alvite
Foto de familia do reitor cos premiados e premiadas. FOTO: Santi Alvite
As facultades de Humanidades e Ciencias no campus de Lugo, así como Xeografía e Historia, Ciencias Económicas e Empresariais, Ciencias da Comunicación, Bioloxía, Medicina e Odontoloxía e a Escola Técnica Superior de Enxeñaría no campus de Santiago, foron os centros distinguidos nesta convocatoria
Lugo, Santiago de Compostela

O repositorio de boas prácticas recolle iniciativas que os centros da USC desenvolven coa vontade de fomentar a cultura da calidade. Baixo esta premisa, o reitor Antonio López fixo entrega este luns, nun acto celebrado no Salón de Graos do Colexio de San Xerome, dos diplomas de recoñecemento ás iniciativas seleccionadas ao abeiro da última convocatoria de boas prácticas e que pasarán a integrar o devandito repositorio institucional. Xunto ao reitor da USC, interviñeron a vicerreitora de Titulacións e Internacionalización, María José López Couso; e Antonio Mosquera González, adxunto á Vicerreitoría para Calidade. As iniciativas distinguidas foron oito e o seu recoñecemento implica  o incremento da contía a recibir polo centro en cuestión nos fondos orzamentarios que perciba en 2022.

“Non só hai que facelo ben, senón tamén demostralo”, explicou o reitor, e nas boas prácticas premiadas queda constancia do bo traballo realizado por un grupo representativo de centros dos campus de Santiago e Lugo e as súas respectivas comunidades implicadas nos procesos de mellora, engadiu. O reitor agradeceu as iniciativas presentadas reafirmando a vontade de seguir nesta liña co convencemento de que serán o punto de partida doutras novas.

Pola súa parte, María José López Couso destacou a importancia das boas prácticas no fomento da cultura da calidade xa que estes procedementos agora premiados son exemplos aplicables con pequenas adaptación a diversos centros. A vicerreitora profundou no concepto de boas prácticas ao que se referiu como conxunto de principios, medidas, actuacións e experiencias que, reportando vantaxes de forma constatada e probada nas distintas dimensións implicadas na garantía da calidade do centro, poida constituír un referente a seguir para achegar a mellora a outras facultades e escolas. Ademais, agradeceu a implicación e o esforzo dos distintos centros participantes así como da anterior vicerreitoría de calidade, con especial atención ao que foi o seu vicerreitor, o profesor Jacobo Limeres. No acto tamén estiveron presentes, a secretaria xeral, Dulce García Mella, e o vicerreitor de Organización Académica e campus de Lugo, Francisco Fraga.

Iniciativas distinguidas

O decano da Facultade de Humanidades, Gonzalo Fernández Suárez, recolleu o diploma correspondente á experiencia ‘Guía sobre a modalidade semipresencial para o alumnado da facultade’ coa que este centro da USC vén a paliar a falta dunha normativa a nivel xeral sobre esta modalidade de docencia. Esta guía foi presentada e explicada na Xornada de Benvida tanto ao alumnado de primeiro curso do grao en Xestión Cultural como do mestrado en Servizos Culturais.

Pola súa parte, o decano da Facultade de Xeografía e Historia,  Marco V. García Quintela, recolleu a distinción que obtivo o centro pola creación e realización de cuestionarios, paneis e formularios para egresados/as. Esta acción de mellora pretende analizar as demandas que ten o mercado laboral e así introducir modificacións, melloras e actualizacións nos plans de estudo.

‘Protocolo de coordinación dos graos de Economía e ADE’ é o nome da iniciativa acometida pola Facultade de Ciencias Económicas e Empresarias. O decano Xoán Ramón Doldán García recolleu o diploma co que se recoñece este protocolo que recolle as funcións da coordinación de curso e de grao, un calendario de reunións a realizar co profesorado e co alumnado e os contidos mínimos dos informes de coordinación de curso, de grao e de TFG, entre outros aspectos.

A Facultade de Ciencias da Comunicación foi distinguida pola práctica ‘Deseño, difusión e xeración de informes derivados da enquisa propia da Facultade de Ciencias da Comunicación sobre o desenvolvemento e a satisfacción do alumnado co TFG en Comunicación Audiovisual e en Xornalismo’. Ana Isabel Rodríguez, decana da Facultade, recolleu este recoñecemento a unha iniciativa na que, a partir dun formulario en liña, os datos discrimínanse por titulación, calculándose as medias das respostas dadas polo alumnado en cada unha das preguntas das que dispón a enquisa. Como resultado final, xérase un ‘Informe sobre desenvolvemento e satisfacción do alumnado co TFG’ que pasa a integrar a Memoria anual de Calidade do centro, ao tempo que se publica na súa web.

Asteria Luzardo Álvarez, decana de Ciencias, recolleu a distinción desta Facultade pola boa práctica ‘Ciencia para novos investigadores’ na que o alumnado preuniversitario participante visita o centro e desenvolve os seus propios experimentos baixo a dirección do profesorado da Facultade.

Francisco Javier Salgado Castro, vicedecano de Calidade e coordinador do grao en Bioloxía; e  Javier Sampedro Jiménez, coordinador do grao en Biotecnoloxía, recolleron a distinción pola boa práctica ‘Protocolos propios do Sistema de Xestión de Calidade da Facultade de Bioloxía’. Estes protocolos inclúen a elaboración dunha serie de enquisas e informes que permiten mellorar a información sobre a opinión dos distintos grupos de interese e sobre os resultados dos programas formativos, que están no ámbito do Sistema de Xestión de Calidade da Facultade. Tamén recollen información sobre os recursos bibliográficos e o equipamento de material de prácticas do centro.

‘Proba de avaliación de competencias clínicas obxectiva e estruturada-ACOE para o Grao en Medicina’ foi a iniciativa da Facultade de Medicina e Odontoloxía galardoada. O decano Julián Álvarez acudiu en representación da dirección do centro que deu pulo a esta boa práctica que mide de forma obxectiva e estruturada as competencias clínicas adquiridas polo estudantado do grao en Medicina.

O Foro de Empresas ten como obxectivo o coñecemento mutuo entre as compañías participantes no programa de prácticas da Escola Técnica Superior de Enxeñaría (ETSE) e o estudantado. Trátase dun evento que resulta de interese tanto para as persoas candidatas a facer as prácticas externas dentro do seus estudos de grao, como para o alumnado de último curso interesado na inserción laboral. Tamén axuda a detectar intereses mutuos na realización de Traballos Fin de Grao nas empresas colaboradoras. Julia González Álvarez, directora da ETSE, foi a encargada de recoller a distinción.

Mellora continua e eficacia

As boas prácticas presentadas a esta convocatoria debían solucionar un problema ou contribuír á mellora continua dunha dimensión do sistema de garantía de calidade do centro; ter completado o ciclo de planificación, implementación, avaliación, axuste e mellora; estar aplicándose ou xerando os seus efectos no momento de ser presentada; ser eficaz respecto aos obxectivos formulados, eficiente respecto aos recursos empregados e efectiva nas solucións de problemas ou na mellora continua desexada; ser sostible, replicable e innovadora; e contar con suficientes evidencias do seu desenvolvemento e eficacia.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 19.07.2022.