Ir o contido principal

A USC fomenta o emprendemento feminino na India a través do proxecto Erasmus + Enprendia

Representantes das universidades indias que tomaron parte nas xornadas
Representantes das universidades indias que tomaron parte nas xornadas
A Facultade de Dereito acolleu os días 12 e 13 de setembro unhas xornadas nas que tomaron parte representantes de universidades indias
Lugo, Santiago de Compostela

A Rede Empresa e Administración, xunto co Grupo de Referencia Competitiva Empresa e Administración GI-1876 e o grupo GPC Valfinap GI-1866 veñen de organizar os días 12 e 13 de setembro, na Facultade de Dereito da USC, as xornadas ‘ENhancing female EntrePREneurship in iNDIA’, destinadas a fomentar o emprendemento feminino na India no marco do proxecto Erasmus + Enprendia. Co gallo das xornadas, a Facultade recibiu a visita de representadas das universidades indias que integran o proxecto.

O obxectivo de Enprendia é promover a cultura empresarial entre a poboación feminina nas institucións de educación superior da India, ao tempo que se promove a igualdade de xénero e a igualdade de oportunidades, tanto dentro da universidade como na sociedade civil e as súas comunidades. Este proxecto busca fomentar a participación das mulleres na sociedade, crear e compartir ideas de negocio e, ao mesmo tempo, apoiar as comunidades locais, e as empresas e as universidades mediante a participación da poboación feminina no desenvolvemento socioeconómico do país.

O vicerreitor de Estudantes e Internacionalización, Víctor Arce, presidiu a inauguración das xornadas na que tamén tomou parte a profesora Sara Fernández López, titular de Economía Financieira e Contabilidade e responsable da actividade xunto coas profesoras Alicia Villalba e Andrea Garrido da Facultade de Dereito.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 23.12.2019.