A USC formará a estudantes como mediadores en prevención en saúde mental, consumo de drogas e relacións afectivo sexuais
A Universidade de Santiago formará aos seus estudantes en materia de prevención en saúde mental, consumo de drogas e relacións afectivo sexuais para que posteriormente estes colaboren como mediadores informativos nos centros universitarios. Esta actividade será presentada en rolda de prensa este xoves, día 15, polo vicerreitor de Comunidade Universitaria e Compromiso Social, José Mayán.
Á presentación, que terá lugar ás 11:30 horas na Sala de Prensa do Colexio de Fonseca, asistirán ademais o xefe do Servizo de Prevención de Drogodependencias da Xunta de Galicia, Jesús Morán, e o responsable do Servizo de Participación e Integración Universitaria da USC, Javier Agrafojo.
Coas xornadas sobre prevención en saúde mental, consumo de drogas e relacións afectivo sexuais na comunidade universitaria, que se desenvolverán a finais de mes na USC, trátase de achegar aos estudantes información relacionada con distintos temas de interese nos que eles mesmos son protagonistas. Deste xeito, serán os propios universitarios quen, tras asistir a unhas xornadas teórica, realicen accións prácticas que lles capaciten para informar aos seus compañeiros nos centros da USC sobre os distintos servizos que ofrecen entidades como a UMAD, o Centro de Orientación Familiar, a Unidade de Desordenes da Alimentación, a Unidade de Trastornos do Alcoholismo ou as Unidades de Saúde Mental.