A USC e a Fundación Galiza Sempre colaborarán en actividades académicas, culturais e de investigación
A Universidade de Santiago e a Fundación Galiza Sempre veñen de asinar un acordo no que establecen o marco de actuación para colaborar na organización de congresos, cursos, conferencias, exposicións, publicacións e actividades culturais, así como no asesoramento en investigacións e actividades de arquivo.
O acordo asinado establece varias modalidades de colaboración, entre elas a realización de actividades formativas do alumnado da USC e o asesoramento mutuo en proxectos de investigación e divulgación sobre o nacionalismo galego. Asemade, continuarase coa colaboración na organización do Festigal e no tratamento do arquivo da Fundación, iniciado recentemente mediante a asistencia técnica da USC para o tratamento arquivístico dos fondos documentais xestionados por Galiza Sempre.
Cunha vixencia inicial de cinco anos, o acordo prevé a realización de convenios e contratos específicos para os diferentes proxectos e programas que o desenvolvan, sempre baixo a supervisión dunha comisión mixta integrada polo vicerreitor de Política Internacional da USC e o director xerente da Fundación Galiza Sempre.