Ir o contido principal

A USC e a Fundación Internacional Baltasar Garzón asinaron un acordo marco para o desenvolvemento de actividades conxuntas

Juan Casares e Baltasar Garzón asinaron o convenio marco nun acto en San Xerome. Foto: Santi Alvite
Juan Casares e Baltasar Garzón asinaron o convenio marco nun acto en San Xerome. Foto: Santi Alvite

O reitor Juan Casares e o presidente da Fundación FIBGAR, Baltasar Garzón, asinaron este martes 11 un convenio marco de colaboración que posibilitará o desenvolvemento futuro de actividades culturais, científica, pedagóxicas ou de investigación, entre outras. A Fundación Internacional Baltasar Garzón (FIBGAR) ten como fin potenciar o respecto e a promoción e defensa dos Dereitos Humanos e a cooperación ao desenvolvemento nunha cultura de seguridade xurídica e de paz. A sinatura protocolaria do acordo celebrouse no Colexio de San Xerome. A colaboración entre a USC e FIBGAR poderá materializarse na execución de proxectos e programas de investigación e desenvolvemento; a cooperación en programas de formación de persoal investigador e técnico; o asesoramento mutuo; a organización e execución de actividades comúns relacionadas coa promoción social da investigación, a docencia e o desenvolvemento tecnolóxico; e o intercambio de persoal por tempo limitado. Para cada unha das iniciativas que se decida acometer de xeito conxunto, a USC e FIBGAR asinarán convenios específicos nos que se definirán as particularidades do proxecto. Inicialmente, este convenio marco terá unha vixencia de 2 anos, renovables por períodos iguais por acordo tácito. Conferencias en Ciencias da Educación Con posterioridade ao acto de sinatura, o xurista Baltasar Garzón participou nun relato-conversa arredor do tema ‘Democracia e Dereitos Humanos’ que organizou o grupo de investigación en Pedagoxía Social e Educación Ambiental (SEPA - interea). Asistiron a esta xornada, o propio reitor Juan Casares; o decano da Facultade de Ciencias da Educación, Lois Ferradás; a directora da Cátedra Unesco de Cultura da Paz, Mar Lorenzo; o coordinador do grupo SEPA - interea, José Antonio Caride; e a vicepresidenta de FIBGAR, Carmen Durán.

Un grupo de aproximadamente trinta persoas con pancartas contra o xurista tentou interromper en distintos momentos o desenvolvemento da sesión. O grupo foi contestado polos propios asistentes ao acto que reprocharon as interrupcións e rexeitaron a natureza das reivindicacións.

O xurista participou en Ciencias da Educación nun relato-conversa arredor do tema ‘Democracia e Dereitos Humanos’ Un grupo de aproximadamente trinta persoas tentou interromper en distintos momentos o desenvolvemento da sesión, actitude que foi reprobada polos propios asistentes. Foto: Santi Alvite A xornada estaba dedicada ao tema ‘Democracia e Dereitos Humanos’. Foto: Santi Alvite

Os contidos desta páxina actualizáronse o 11.02.2014.