A USC e a Fundación Luís Tilve establecen o marco de futuras colaboracións, fundamentalmente no estudo do sindicalismo galego

A Universidade de Santiago e a Fundación Luís Tilve colaborarán na organización de diversos eventos académicos así como en consultas documentais, investigacións, encontros de investigadores e publicacións en virtude dun convenio marco que este venres asinaron o reitor Senén Barro e o presidente da Fundación, Xesús Mosquera. Asistiron ademais ao acto o vicerreitor de Relacións Institucionais, Lourenzo Fernández, e o director do arquivo da Fundación, Guillerme Pérez Agulla.
A Luís Tilve é unha institución cultural privada que, entre outros cometidos, se encarga de xestionar o arquivo histórico e a biblioteca de UGT-Galicia; investigar e difundir a historia do movemento obreiro en Galicia e particularmente do sindicalismo socialista; así como fomentar o estudo e a investigación no ámbito das ciencias sociais, xurídicas e económicas, centrándose no mundo laboral e na formación da clase traballadora galega.
Unha vez asinado o acordo, dunha vixencia de cinco anos, as dúas partes asinantes comezarán a artellar o programa dun curso de verán a desenvolver este ano coa participación dos investigadores do Departamento de Historia Contemporánea da USC. Xa no que atinxe á vertente investigadora, realizaranse diversas actividades en torno á historia do sindicalismo e dos movementos sociais, así como a súa problemática na sociedade galega de hoxe.
Compartir fondos bibliográficos e documentais e colaborar co equipo de investigación interuniversitaria ‘As vítimas, os nomes, as voces e os lugares’ nos seus proxectos de investigación e divulgativos son outros dos cometidos concretados ata o momento pola Universidade e a Fundación.
Para facilitar a elaboración dos convenios específicos e o seu adecuado cumprimento constituirase unha comisión mixta paritaria integrada polo vicerreitor de Relacións Institucionais da USC e por Guillerme Pérez.