A USC e o Grupo Aresa convocan a novena edición do Premio Aresa, dotado con dez mil euros

A novena convocatoria do Premio Aresa de Desenvolvemento Rural, que promoven a Universidade de Santiago e o Grupo Aresa, presentouse este mércores no Colexio de Fonseca logo de que o reitor Senén Barro e o presidente do Consello de Administración do Grupo Aresa, Álvaro Rodríguez, asinaran o convenio polo que se convoca. No acto participou tamén o vicerreitor de Coordinación do Campus de Lugo, Carlos Herrero.
O Premio Aresa pretende incentivar a investigación e o desenvolvemento, así como iniciativas empresariais anovadoras na agricultura e na gandería de Galicia. O galardón tamén recoñece traxectorias persoais, empresariais ou institucionais na área agrogandeira, como elementos fundamentais para mellorar a calidade de vida e o benestar das persoas vinculados ao medio rural galego.
Organizado pola Universidade de Santiago e Aresa, compañía lucense que opera no sector dos fertilizantes e produtos gandeiros en España e Portugal, o gañador percibirá dez mil euros, o que o converte no galardón mellor dotado de cantos na súa especialidade se outorgan en Galicia.
Bases e xuradoOs rexistros dos campus universitarios de Santiago e Lugo serán os lugares onde se deberán presentar as candidaturas, con data límite o 17 de outubro. O ditame darase a coñecer ao longo do mes de decembro e a entrega do galardón terá lugar en Lugo a comezos do ano 2009.
Formarán o xurado o reitor Senén Barro, o vicerreitor de Coordinación do Campus de Lugo, Carlos Herrero, o presidente de Aresa, Álvaro Rodríguez Eiras, e outras dúas personalidades vinculadas co sector agrario. Para máis información sobre esta convocatoria e anteriores pódese consultar a web www.premioaresa.com.
Anteriores convocatoriasAs anteriores convocatorias do Premio Aresa acapararon o interese da comunidade científica galega e o empresariado. Por iso, o presidente da compañía lucense, Álvaro Rodríguez Eiras, decidiu que o que nacera como unha actuación única de mecenado se convertera nunha convocatoria de periodicidade anual. Este premio recaeu na súa primeira edición na industria cárnica Novafrigsa (Grupo Coren), mentres que en 2001 foi recoñecido o investigador Javier Guitián Rivera, por un estudio multidisciplinar sobre a serra de O Courel.
Na terceira edición distinguiuse co galardón á Aula de Produtos Lácteos, centro de investigación integrado no Instituto de Investigación e Análises Alimentarias da Universidade de Santiago. Na cuarta convocatoria o galardón correspondeulle a José Manuel Silva Rodríguez, por entonces director xeral de Agricultura na Comisión Europea e na actualidade director xeral de Investigación da UE. O quinto premio foi para a Indicación Xeográfica Protexida Ternera Gallega, o sexto para o programa da Televisión de Galicia ‘O Agro-Labranza’ por ser testemuña directa da transformación da cultura agraria e do espazo rural. Na sétima edición valorouse o labor do Consello Regulador da Denominación de Orixe Ribeira Sacra, e o ano pasado distinguiuse a iniciativa empresarial de Eladio Rigueira Sobrado, propietario da empresa Queixería Casa Macán.