Ir o contido principal

A USC impartirá no campus de Lugo 11 dos 59 títulos de máster ofertados para o vindeiro curso académico 2014-2015

Paneis informativos dos másteres ofertados pola USC para o vindeiro curso, na Facultade de Veterinaria
Paneis informativos dos másteres ofertados pola USC para o vindeiro curso, na Facultade de Veterinaria
A USC presenta na Facultade de Veterinaria a súa programación de estudos de posgrao

A USC impartirá o vindeiro curso académico 2014-2015 no campus de Lugo once dos 59 títulos de máster que conforman a súa oferta de estudos de posgrao, un amplo abano de estudos cuxas temáticas abranguen todas as áreas do saber.

A institución académica compostelá presentou este martes na Facultade de Veterinaria de Lugo a súa programación de másteres para o próximo exercicio académico no marco dun acto no que participaron directores e responsables académicos destes programas de posgrao, ademais do vicerreitor de Coordinación e Planificación do campus de Lugo, directores e decanos de centros e persoal da Oficina de Información da USC. A oferta dos másteres que a USC ofrecerá no campus universitario lugués o próximo ano inclúe tres programas que se encadran no ámbito das Ciencias Sociais e Xurídicas, tales como o son os másteres en Avogacía, Administración e Dirección de Empresas e o máster habilitante de Profesorado de ESO, BAC, FP e ensino de idiomas. Outros cinco dos posgraos ofertados en Lugo corresponden á rama de enxeñaría e arquitectura. Neste eido cómpre citar os novos másteres habilitantes en Enxeñaría Agronómica e Enxeñaría de Montes, así como os posgraos en Dirección de Proxectos, Xestión Sustentable da Terra e do Territorio ou o tamén máster habilitante en Enxeñaría Industrial, que volta á oferta de estudos de posgrao da USC logo de ser retirado da mesma na pasada convocatoria. Os títulos de máster da rama de ciencias da saúde en Investigación en Medicina e Sanidade Veterinaria e Prevención de Riscos Laborais e Saúde Medioambiental, así como o máster en Xestión de Servizos Culturais, xa na área de Artes e Humanidades, completan a oferta de estudos de posgrao da USC no campus de Lugo, unha programación na que están inscritos/as este curso máis de 320 titulados/as universitarios/as. A oferta de másteres da USC para o vindeiro curso inclúe un amplo abano de programas de carácter interuniversitario. De feito, nove dos 59 títulos de máster programados desenvólvense en colaboración con outras universidades do SUG, unha proposta correponde á USC e á UDC e outros 11 programas son froito de acordos da USC con outras institucións académicas españolas e internacionais. O catálogo de títulos de máster da USC para o curso 2014-2015 xa está accesible na páxina web www.usc.es/master. O prazo de inscrición nestes programas abrirá ao longo do mes de xullo, segundo a Oficina de Información da USC.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 25.03.2014.