A USC impartirá un máster en tratamento e protección de datos
Diante da inminente obriga que terán as administracións públicas, institucións, organizacións e empresas de dar cumprimento, a partir de maio de 2018, ao novo Regulamento Europeo en Protección de Datos (RGPD), a USC organiza o primeiro Master sobre esta materia.
A realización do posgrao habilitará para certificarse profesionalmente como Delegado de Protección de Datos (DPO), unha nova figura contemplada no Regulamento Europeo e que deberá estar nomeada en todas as Administracións Públicas (interna ou externamente) e empresas do sector privado que traten datos especialmente protexidos antes de maio de 2018.
O RGPD describe a necesidade de que o responsable do tratamento de datos aplique medidas técnicas e organizativas apropiadas. En termos prácticos, requírese que as entidades analicen que datos tratan, con que finalidade o fan e que tipo de operacións levan a cabo. A partir dese coñecemento deben determinar de forma explícita a forma en que aplicarán as medidas que o RGPD prevé, asegurándose de que son as axeitadas e de que poden demostralo ante os interesados e as autoridades de supervisión.
O máster, cun cadro docente de recoñecido prestixio, impártese cun formato eminentemente en liña e telemático, o que facilitará o seu seguimento. Contará con tres Master-Class impartidas por responsables de institucións e organismos especializados en protección de datos.
Os detalles do novo posgrao, a impartir entre xaneiro e setembro do vindeiro ano, ofrecéronos este martes na Facultade de Dereito a secretaria xeral da USC, Consuelo Ferreiro; o director do Centro de Estudos de Seguridade de la USC (CESEG), José Julio Fernández; a directora da Axencia de Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega), Mar Pereira Álvarez; e a directora do mestrado, Luz Mª Ruibal Pereira.